A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia deu luz verde ambiental "con condicións" para construír un novo cámping no Grove.
En concreto o proxecto localízase nunha parcela de preto de 5.500 metros cadrados situada no lugar das Bizocas, na parroquia de San Vicente.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA), que avanza a Xunta sairá publicado "proximamente" no Diario Oficial de Galicia (DOG), "non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados".
A documentación presentada polo promotor do cámping foi sometida durante este proceso de avaliación ambiental a participación pública coa consulta a dez organismos interesados, que foron os que fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Eses requisitos céntranse, expica a administración autonómica, en aspectos como a protección da atmosfera; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; do patrimonio natural e cultural así como na súa integración paisaxística e xestión de residuos.
O informe ambiental favorable non exime ao promotor (Santiago Gómez Besada) de ter aínda que obter as pertinentes licenzas e permisos para acometer a construción.
Este proxecto de cámping está situado nas proximidades da praia Area da Cruz, entre os núcleos de Montemar e Pedras Negras "lindando con outros campamentos de turismo similares", explica a Xunta.
A previsión é habilitar na parcela en cuestión unha zona de acampada con 16 parcelas para o estacionamento de autocaravanas e 39 máis para uso de campamento, ademais dunha edificiación de servizos hixiénicos e auxiliares, outra para recepción e tenda e un aparcadoiro de 420 metros cadrados para dar cabida até a unha decena de vehículos.
No deseño inclúense áreas verdes, así como a súa conexión ás redes públicas de distribución de auga potable, saneamento, iluminación exterior e electricidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.