As Xuventudes Socialistas elixen Pontevedra para falar de prostitución, medio ambiente e desinformación

Pontevedra
03 de novembro 2025
Actualizado: 16:22

A IV Escola de Outono das Xuventudes Socialistas de Galicia abordará a abolición da prostitución e a loita contra a desinformación

Iván Puentes, Enrique García e David Fraga
Iván Puentes, Enrique García e David Fraga / PSOE de Pontevedra

A abolición da prostitución, os bulos sobre a emerxencia climática e as ferramentas para combater a desinformación serán os principais eixos da IV Escola de Outono das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG), que se celebrará este sábado 8 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, en horario de 9:30 a 20:30 horas.

O evento, de carácter anual, foi presentado este luns en rolda de prensa polo secretario xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra, Iván Puentes, e o secretario de Organización das XSG, Enrique García, quen destacaron o compromiso da organización xuvenil coa formación política, o pensamento crítico e a comunicación responsable.

Puentes expresou a súa satisfacción por que Pontevedra volva acoller unha cita de ámbito galego celebrando que "unha vez máis, a organización xuvenil do PSdeG se fixe en nós e nesta cidade e decida transformar Pontevedra en sede dunha actividade a nivel galego coma esta", sinalou o dirixente socialista, que ademais participará como relator nun dos talleres de Comunicación.

Segundo explicou Enrique García, os debates virarán ao redor de tres eixos fundamentais: a abolición da prostitución, a transición ecolóxica e a comunicación en redes sociais. O dirixente destacou tamén a importancia de combater a desinformación, citando como exemplo os bulos difundidos durante a DANA de Valencia.

A programación inclúe a participación de figuras destacadas do ámbito político, académico e divulgativo, como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a senadora Carmela Silva; a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga; e Ana García Costas, presidenta da asociación Faraxa, que traballa na atención a mulleres en situación de explotación sexual.

No ámbito medioambiental, intervirán o divulgador climático e oceanógrafo Diego Ferraz e o eurodiputado Nicolás González Casares, membro da Comisión de Industria e Enerxía do Parlamento Europeo.

O panel dedicado á comunicación contará coa participación de Lucía de Castro, politóloga e influencer; Fernando Carrera, analista político e escritor; Diego Álvarez, responsable de Comunicación do PSdeG; e Iván Puentes, na súa faceta de docente universitario en Publicidade.

A Escola de Outono prevé reunir entre 40 e 50 participantes, e mantén as súas portas abertas a toda a cidadanía interesada.