Youtubeir@s volve con 7.500 euros en premios e ánimo de formar novos difusores da lingua

Pontevedra
27 de setembro 2022

Este martes presentábase a sexta edición deste proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, doce concellos e da Deputación da Coruña. En 2021 participaron 44 canles con máis de 2.200 vídeos e 40.000 subscricións

Presentación de Youtubeir@s 2022
Presentación de Youtubeir@s 2022 / Mónica Patxot

Ata o domingo 27 de novembro permanecerá aberto o prazo para participar na sexta edición de Youtubeir@s, un proxecto no que participan os servizos de normalización lingüística as tres universidades públicas de Galicia, doce municipios e a Deputación da Coruña coa intención de fomentar a creación de contidos en lingua galega en canles de Youtube. As bases para presentarse poden consultarse en youtubeiras.gal

O concelleiro Alberto Oubiña presentaba este martes no Concello de Pontevedra esta nova edición, acompañado por Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo; Victoria Quiroga, concelleira en Rois; e Aldán Santamarina, concelleiro de Normalización Lingüística en Moaña, entre outros representantes das distintas institucións participantes nesta iniciativa baseada na colaboración.

Oubiña quixo referirse á falacia que se esconde tras a afirmación dos que convidan a facerse youtubeir@s para non traballar e lembrou que, detrás de cada vídeo, hai moito esforzo e horas de traballo para enfrontarse á cámara e crear contidos interesantes. Nesta edición, o lema do concurso será "Para rede, a nosa!".

O representante pontevedrés insistiu no incremento de participantes ao longo dos anos e a colaboración dos creadores con outras canles desenvolvidas fóra de Galicia. Sinalou tamén que o obxectivo é camiñar cara á profesionalización dos proxectos participantes e a formación de novos creadores a través do intercambio de experiencias e a posta en marcha de diversas actividades.

O aumento de participantes neste certame móstrase a través de datos, ofrecidos por Aldán Santamarina. En 2017 presentáronse 202 vídeos; en 2020, a cifra de traballos chegou a 536 e en 2021, xa coa participación de canles, alcanzouse a cantidade de 44 canles, 2.200 vídeos e máis de 40.000 subscricións, que provocan que a diario se vexan vídeos en lingua galega con case tres millóns de visitas totais.

Nesta nova edición entregaranse 7.500 euros en premios entre oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Cada un deles contará cunha dotación de mil euros, agás o do público que será de 500 euros.

Susana Reboreda destacou a calidade cada ano máis elevada dos traballos. Ademais, lembrou que poden participar todas as persoas que o desexen sempre que sexan maiores de 16 anos e realizou unha invitación á comunidade universitaria a crear contidos en galego. No xurado desta edición vai atoparse, entre outras personalidades, Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o de 2021.