A nova concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, estreouse este venres na súa primeira reunión como responsable da carteira recibindo na Casa da Luz de Pontevedra aos representantes da asociación de Vítimas do Paro, un colectivo que centra as súas reivindicacións en demandar subsidios e, sobre todo, axuda ao emprendemento para o colectivo de desempregados senior, isto é, maiores de 52 anos.
Tras o encontro, defendeu que o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable e o emprego "forman parte do ADN do PSOE" e que quixo que esta sexa a súa primeira reunión porque o seu partido "dálle prioridade absoluta ao emprego" e é un dos sectores aos que quere chegar.
Recentemente aterrada no cargo, aínda non se comprometeu a ningunha medida concreta, pero si valorou que as demandas desta asociación son "factibles" e avanzou que llas trasladará ao seu compañeiro Iván Puentes, concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable, e a todo o Concello de Pontevedra.
Os representantes da asociación fixéronlle chegar unha queixa recentemente entregada á Valedora do Pobo sobre a falta de apoios da Xunta de Galicia aos proxectos de emprendemento senior e desenvolvemento de economía circular, de modo que Yoya Blanco tamén se comprometeu a trasladar as súas demandas aos deputados socialistas no Parlamento de Galicia, como Patricia Vilán, para que fagan chegar as súas reivindicacións á Xunta.
Segundo explicou a edil socialistas, a pesar de que a administración local ten límites en canto ao emprego, desde a súa concellería "vai facer todo o posible para axudar", moi especialmente ao grupo dos maiores de 52 anos.
Vicente Vázquez, representante en Galicia da asociación, trasladoulle as súas demandas e tamén as propostas que realizan para fomentar a creación de emprego a través do emprendemento senior na nova bioeconomía. Trátase dunha esfera de actividades que están relacionadas con producir produtos e a súa transformación a través dos seres vivos.
Entre outras propostas, falan de que desde hai moitos anos en Galicia fíxose cultivo de horta ecolóxica e hoxe en día cada vez estase valorando máis eses produtos no mercado, de modo que pode resultar unha boa oportunidade de emprendemento. Outras opcións pasan polo desenvolvemento local través da biodiversidade forestal, a utilización de recursos marítimos ou a bioenerxía dos recursos gandeiros.
Consciente das limitacións que existen desde a administración local para poñer en marcha políticas en materia de emprego, que son competencia da Xunta de Galicia o Goberno central, Vicente Vázquez si cre que os concellos poden asumir competencias en captar recursos económicos para axudar ao emprendemento.