Zafarrancho de podas en varias rúas da cidade

Pontevedra
16 de febreiro 2022

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha un novo zafarrancho de podas e retirada de restos na zona leste da cidade, en concreto no arborado urbano das rúas da Eiriña, Rodríguez Seoane e a Praza das Regas

Poda de árbores
Poda de árbores / Concello de Pontevedra

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha un novo zafarrancho de podas e retirada de restos na zona leste da cidade, en concreto no arborado urbano das rúas da Eiriña, Rodríguez Seoane e a Praza das Regas. 

A intervención está a desenvolverse desde primeira hora da mañá pola firma especializada Silvareira Servizos Forestais SL, mediante o emprego dun guindastre cun cesto para poda en altura.

O Servizo de Parques e Xardíns destinou un orzamento global de 6.655 euros a contratar esta intervención (3.207 euros para o contorno da Praza das Regas e 3.449 para as rúas da Eiriña e Rodríguez Seoane). 

No caso concreto de Rodríguez Seoane, parte dos traballos que se están a executar están orientados a reducir o volume das copas da liña de árbores existente neste vial, xa que hai exemplares que teñen certo porte e a súa proximidade aos inmobles estaban a facer que as pólas máis longas resultasen molestas para algúns veciños.