O neno que bailaba coas campás. Manoliño, o de Inés

22 de diciembre 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Todos os que residiamos en Caldas de Reis na década dos 60 do pasado século XX e estabamos a vivir na patria feliz da nosa infanciab> coñeciamos e nos lembramos dun neno singular, Manoliño, o de Inés. b>Que daquela tiña a súa casa e vivía cos seus pais e irmáns na rúa do Embudiño, seus pais rexentaban unha carnicería na praza de Abastos caldense

Campanario da parroquia de Sto. Tomás de Caldas de Reis

 

Todos os que residiamos en Caldas de Reis na década dos 60 do pasado século XX e estabamos a vivir na patria feliz da nosa infancia coñeciamos e nos lembramos dun neno singular, Manoliño, o de Inés. Que daquela tiña a súa casa e vivía cos seus pais e irmáns na rúa do Embudiño, seus pais rexentaban unha carnicería na praza de Abastos caldense.

Pois ben, Manoliño era meu veciño e era meu amigo, os dous coincidimos na escola pública de D. Victoriano Rosales, de grata lembranza, a nosa aula estaba situada na Graduada de Nenos e os dous fomos "monaguillos" na parroquia de Santo Tomás da vila de dona Urraca.

Manoliño era un neno moi ocorrente e moi mañoso. Facía os seus propios xoguetes que compartía cos nenos da veciñanza: espadas de madeira, barcos de casca de pino, marionetas de cartón,..., facía como ninguén as pompas de xabón nun cacharro con auga e un anaco de xabón Lagarto, remexía e cunha palliña ceibaba as pompas desde as escalinatas de acceso a súa casa e que daban á rúa. Era un compañeiro moi divertido e perigoso por temerario.

Pero, a faceta que quero hoxe destacar, porque Manoliño é un personaxe que da para moito e co que protagonicei moitas falcatruadas de rapaces, e xa tristemente falecido, desexo subliñar, pois, a súa vertente como fabuloso "repenicador". Non volvín a ver nin a escoitar nunca a ninguén que repenicara mellor as campás do campanario da igrexa parroquial de Santo Tomás de Caldas de Reis, como o facía el.

O “monaguillo” de Santo Tomás

 

Eu tiven a sorte de telo visto moitas veces na súa faceta de repenicador. Era un espectáculo velo e as campás soaban a gloria. El bailaba coas campás e sacaba de cada unha delas o mellor son. Creo que eran catro, orientadas nos catro puntos cardinais, el tíñalle un nome a cada unha. Tiraba dunha, tiraba doutra e así con ledicia e moita maña. Eu tiña medo de que saíse voando do campanario e el de aquí para alá, veña e dálle, bailando e sorrindo, sendo moi feliz no seu baile e agasallando os oíntes con aquelas impresionantes badaladas. Iso que a tarima na que se subía para repicar estaba en moi mal estado, era unha temeridade, pero, era algo moi fermoso, soaban moi ben. E el era o artista do campanario.

Aqueles repinicares nos días de festa, na Pascua (cando se celebraba en Caldas unha procesión infantil moi curiosa, moi especial o domingo de Resurrección, a chamada procesión das "banderitas"), no día do patrón Santo Tomás Bécquet, nas festas de San Roque, nas saídas das procesións, era un goce...

Mágoa que é algo que se perdeu, agora xa non soan, xa non dobran as campás, agora Manoliño xa non está para bailar e voar coas campás.

Manoliño, o de Inés

 

Debiamos recuperar nas vilas de Galicia o fermoso e emotivo repinicar das campás en días sinalados, en día de festa. Agora dobran mudas por Manoliño, o "monaguillo" de Caldas que mellor repicaba e bailaba coas catro campás do campanario de Santo Tomás.

 

"(...) a morte de calquera home arrinca algo de min, porque estou ligado á humanidade; e por tanto, nunca preguntes por quen dobran as campás, porque están dobrando por ti...". (John Donne, 1572-1631).