
Levo desde o ano 1998 traballando, indagando, investigando sobre Xosé Filgueira Valverde, na súa faceta como educador, e aínda o que queda! Porque Filgueira Valverde da para moito.
Aínda que hoxe, figuras egrexias e das características do ilustre profesor pontevedrés semella que academicamente non interesan moito, tal vez, porque sexan figuras incómodas, que nos interpelan e foron coherentes co seu plan de vida e co seu proxecto vital. Hoxe, na investigación, e mesmo na investigación humanística existen outros tópicos típicos que invaden o mundo do estudos académicos, movidos por outros intereses, moitas veces alleos a este ámbito.
No meu campo da historia da educación e máis concretamente da historia da educación do século XX en Galicia, semella que queren suprimila no ámbito das ciencias da educación que se deberan impartir nas Facultades de Educación, non só nos estudos de grao senón nos de postgrao e nos programas de doutoramento e de desenvolvemento das teses; dominan o panorama dos campos de estudo, perspectivas de xénero, temas de carácter tecnolóxico, que o invaden todo propiamente dito. Eu non digo que non haxa que abordar estes temas, mais non en exclusiva.
Parece que as Humanidades, tan necesarias agora e sempre, teñen que desaparecer porque hai outros intereses alleos a Academia, porque hai intencións por dominar a ciencia e para facerse co control do mundo. As Humanidades son, pois incómodas, molestas, porque inducen á humanidade a pensar por si mesma, a reflexionar, a ter un pensamento crítico, por ter argumentos debidamente fundamentados e expresados con corrección humana, académica e política e iso non interesa.
Precisamente, por ter criterio propio e por ter unha coherencia entre o seu pensamento e a súa ideoloxía na vida práctica de cada día, no ser e no estar, figuras como das que vou falar agora Filgueira Valverde e Alonso Montero son incómodas, si se valoran e homenaxean; pero en certos sectores sociais e políticos non queren saber nada delas e moi sutilmente son rexeitadas.
A partires do ano 2014, intensifiquei os meus contactos e a miña relación co gran filgueirólogo don Xesús Alonso Montero, que en parte, foi o máximo responsable de que a Xosé Filgueira Valverde se lle dedicara en 2015 o Día das Letras Galegas. O doutor Xesús Alonso Montero, tristemente falecido vai pouco, o home que quería ser comunista polas súas arelas dunha maior xustiza e dunhas máis dignas condicións de vida para os máis pobres e marxinados do noso desastroso mundo.
Don Xesús e máis eu chegamos a construír xuntos unha fonda e agarimosa amizade, que tiña como denominador común o noso amor compartido pola lingua galega e pola nosa cultura, ademais de ser os dous uns ferventes filgueirólogos.
Alá, nun tempo xa lonxano, no outono de 2014, o profesor Alonso Montero máis eu mantivemos unhas interesantes xornadas de traballo e de intercambio de saberes sobre Xosé Filgueira Valverde, os dous admiramos e estimamos no máis alto grao a personalidade do erudito pontevedrés, a súa traxectoria como extraordinario docente e a súa magna obra e a súa acción cultural imprescindible para Galicia. Alonso Montero andaba a compoñer a súa Biografía Intelectual (2015).
Desde aquela os nosos contactos foron moi frecuentes, colaborando os dous en múltiples actividades culturais (conferencias, parladoiros, xuntanzas, recitais, feiras do libro, confección dunha revista poética, intercambio de libros,...). Gábome da amizade co meu mestre gratuíto, o sabio de Ventosela, persoa aberta, respectuosa, afable, agarimosa, xenerosa. Non sei como lle agradecer o seu maxisterio e o feito de terme agasallado con dous estupendos prólogos para dous dos meus libros sobre Filgueira Valverde como educador e home esencial da nosa cultura e que acollera con tanto interese as miñas iniciativas culturais e literarias, ás que prestou unha inestimable e desinteresada colaboración. Acolleu con moito afecto e valorou moito á Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa, que me honro en presidir e da que el foi o seu primeiro Socio de Honra.
Grazas por sempre don Xesús e que no alén logre á fin ser o comunista que desexaba, un home que vela e defende os intereses e os dereitos da clase traballadora e dos máis pobres e marxinados do mundo.
A Xesús Alonso Montero (XAM). In memoriam.
VER:
Torres de Aboal, X.M. (2015). Xosé Filgueira Valverde. Alcalde de Pontevedra (1959-1968). Aspectos educativos e culturais. pasionporloslibros.
Torres de Aboal, G.M. (2025). Filgueira Valverde, profesor humanista innovador e director dun instituto modelo (Pontevedra, 1939-1976). Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.