Retallos de mundo: Castelos da ría de Ferrol, un infalíbel sistema defensivo

Poio
15 de febrero 2026

A ría de Ferrol, que fun coñecendo da man desas viaxes en lancha é para min moito máis ca unha mera paisaxe. É quizais un dos escenarios que máis veces visitei ao longo da vida

Ría de ferrol dende Montefaro, con vista dos dous castelos

Hai poucos lugares dos que poida dicir que realmente formo parte, porque estou unido a eles dun xeito tan intrínseco que ocupan unha boa parte das lembranzas que fun atesourando na mente dende que era ben pequeno até me converter na persoa que son a día de hoxe, e un deles é, sen ningún xénero de dúbida, a ría de Ferrol, que tantas veces teño sucado a bordo das vellas lanchas de madeira que dende o século XVIII, con evidentes e lóxicas melloras incorporadas co paso do tempo, unían o porto da miña cidade con diferentes destinos da ría como Mugardos, Maniños, O Seixo ou San Filipe, entre outros, conectando xentes e conectando tamén historias, porque para moitas xeracións que as usaban para iren traballar ou estudar, ou simplemente para gozaren do pracer da navegación, eran un verdadeiro espazo de vida comunitaria, até que o seu uso se foi apagando por mor do abandono dos pasaxeiros e a modernización das redes viarias da ría, que acabaron por provocar a súa completa desaparición a comezos dos anos noventa do século pasado, agás algunha que outra viaxe turística que poida facerse na actualidade en tempo de verán.

A ría de Ferrol, que fun coñecendo da man desas viaxes en lancha é para min moito máis ca unha mera paisaxe. É quizais un dos escenarios que máis veces visitei ao longo da vida, unha agradábel mestura de mar, historia e memoria que me fixo vivir momentos inesquecíbeis na compaña de moitos dos meus seres máis queridos, dende meus pais e meus irmáns até os meus fillos, pasando por moitos amigos inesquecíbeis. Nas beiras desa ría teño acampado durante moitas noites de diferentes épocas e nunca poderei esquecer a beleza dos seus amenceres e os seus solpores de engaiolantes ceos avermellados.

Porto de MugardosXesús Constela

A vila de Mugardos, de fonda tradición mariñeira e cun porto ideal para dar un bo paseo pola beiramar, ademais de ser un lugar magnífico para degustar unha excelente gastronomía, ben podería servirme de punto de partida para facer un pequeno percorrido polos castelos construídos na que, con permiso da bocana xeográfica, entre Punta Segaño e Cabo Prioriño, se pode considerar a verdadeira porta de entrada á ría, un abraiante sistema defensivo formado por tres castelos levantados en plena época da Ilustración, xusto neses anos en que tamén se deseñou e construíu a trama urbana do barrio da cidade de Ferrol onde vivín durante a miña nenez e a miña adolescencia, o da Magdalena, un racional conxunto de seis rúas principais paralelas ao mar cortadas por outras nove transversais que as cruzan en ángulo recto, unha harmonía simplemente rota por dúas grandes prazas case xemelgas, Amboaxe e Armas, que acolleron unha boa parte dos meus xogos da nenez.

Os tres castelos da ría, San Filipe, A Palma e San Martiño, construídos no século XVI e distantes entre si uns escasos seiscentos metros, formaban un eficaz sistema defensivo capaz de pechar a entrada a calquera buque que puidese intentar atacar Ferrol, un auténtico xigante naval naquela época e unha peza clave na defensa marítima da costa atlántica.

O castelo de San Martiño, o máis pequeno dos tres, utilizouse até finais do século XVIII, cando foi abandonado porque as autoridades o consideraron obsoleto, e, ao quedar sen uso, converteuse nunha sorte de canteira que abasteceu de pedras de granito a ampliación dos outros dous castelos e as súas correspondentes baterías, ademais de quen sabe cantas construcións máis das que non quedou constancia.

A desaparición total do que ficaba desta fortaleza careceu completamente de épica, porque foi un esmorecer lento e progresivo provocado polos implacábeis golpes do mar embravecido e pola fereza dos temporais atlánticos, que o deixaron reducido a uns poucos restos que só se poden intuír, agachados baixo un manto de algas, nas épocas do ano en que se producen as mareas máis baixas.

Pero quedaron en pé os seus outros dous impoñentes compañeiros, o da Palma, na marxe sur da ría, e o de San Filipe, na marxe norte.

Os dous castelos dende San FilipeXesús Constela

No ano 1597, por orde de Filipe II, e sobre unha pequena fortificación que xa existía, empezou a construírse o castelo da Palma, unha rexa fortaleza de grandes dimensións feita de granito con planta adaptada ao relevo da costa, na que se levantan uns impoñentes muros exteriores que agachan diversos foxos, ramplas e tamén cisternas, ademais de polvoreiras subterráneas, e unha chea de garitas e postos de vixilancia dotados de canóns orientados ao mar.

Na actualidade trátase dunha xoia inxustamente esquecida, unha propiedade privada en estado de inmerecido abandono e á espera dun futuro do que nin sequera o Concello de Mugardos, onde se atopa, ten moita información, aínda que seica podería pasar por se converter nalgún tipo de establecemento hoteleiro de luxo.

A pesares de non estar aberto ao público, eu tiven a oportunidade, ou a inmensa sorte, de poder entrar un día, convidado pola persoa encargada de custodiar a chave da porta principal, e a visita deixoume realmente abraiado, porque foi como entrar no interior dun espazo adurmiñado, que non morto, que fixo que mentres camiñaba a través dos seus labirínticos e escuros corredores, simplemente iluminados a través de fiestras enreixadas abertas ao corazón da ría, sentín como se os rexos muros interiores estivesen impregnados de misterios que nunca serei quen de coñecer, e de conversas dos milleiros de persoas que o habitaron ao longo dos case catro séculos en que estivo activo, xa que comezou a súa traxectoria entregado á defensa da entrada da ría, e despois da Guerra Civil acabou transformado nun espazo asociado ao férreo control do réxime, unha prisión militar pola que pasaron unha boa morea de presos. Que non daría eu por poder falar con calquera deles!

Moi preto do Castelo da Palma, ao pé dunha pequena cala, hai unha rocha que sempre asoma pola superficie do mar e que a min, persoalmente, me encanta, porque se chama Pena do Cu da Raíña, un nome singular que procede dunha divertida anécdota protagonizada por Mariana de Neoburgo, esposa de Carlos II de Austria, que intentou baixar a terra dende o seu barco refuxiado na ría por mor dun temporal, pero cando por fin pousou un pé na rocha escorregou e caeu sentada sobre ela.

Se esta historia é certa ou non, é algo que non me interesa saber, pero sei que nunca se podería atopar un nome máis acaído para unha pedra mareira.

Imaxe do Castelo da Palma, rampla interior principalXesús Constela

O Castelo de San Filipe, nomeado así en honra do rei Filipe II e empezado a construír en 1557 na outra beira da ría, enriba dun promontorio rochoso, xusto en fronte do da Palma, orixinariamente tivo funcións defensivas con capacidade para máis de setenta canóns, pero despois tamén foi hospital militar e cuartel, e durante a Guerra Civil funcionou como sinistra prisión na que se levaron a cabo fusilamentos de presos políticos. Na década dos anos 1990 foi por fin desmilitarizado e pasou a mans do Concello de Ferrol, o seu actual propietario.

Castelo de San Filipe, xardín no paseo de rondaXesús Constela

O momento histórico máis importante vivido por San Filipe produciuse en agosto de 1800, na coñecida como Batalla de Brión, cando unha armada inglesa formada por quince mil homes e máis de cen navíos tentou destruír o castelo para se apoderar de Ferrol, do seu arsenal e tamén dos estaleiros navais, pero foi derrotada grazas á gornición destacada en San Filipe e á afouta loita defensiva de arredor de tres mil ferroláns, que conseguiron que os ingleses fosen obrigados a regresar aos seus barcos para abandonar definitivamente a ría.

Nunca esquecerei o momento en que visitei por primeira vez este castelo na compaña dos meus fillos e de meu pai, bo coñecedor das instalacións, porque estivera alí destinado durante o seu servizo militar na segunda metade dos anos 1940, aínda que debo dicir que non tiña saudade ningunha desa época. Mais ben ao contrario. Non foran tempos precisamente doados.

Guiados por el e prestando moita atención ás súas lembranzas, subimos aos baluartes para ver as plataformas de infantería, deseñadas para colocar canóns que apuntaban cara á ría e tiñan un alcance tal, que poderían disparar até a vila de Mugardos, e logo percorremos os camiños de ronda, cunhas vistas fascinantes, e baixamos ás cisternas e aos almacéns de pólvora subterráneos, e rematamos no lugar onde estaba a casa do gobernador e os recintos onde vivían os soldados. Non nos quedou nada por visitar, agás a capela, que está normalmente pechada.

Os dous castelos estaban tan ben localizados, un en fronte do outro, para unha eficiente defensa da cidade de Ferrol que durante o século XVIII chegouse a tensar entre eles unha enorme cadea que podía subirse ou baixarse segundo se necesitase permitir o paso dos barcos aliados, ou bloquear a entrada a atacantes, de tal xeito que creaba unha barreira moi difícil de romper para os navíos de guerra da época.

Pero imos abandonar a beiramar un momento para subirmos a outro pequeno tesouro agachado no monte de Montefaro, que se ergue na marxe sur e delimita as rías de Ferrol e de Ares, o mosteiro de Santa Catarina, que até os anos 1990 estivo pechado ao público porque formaba parte de dependencias do exército.

A súa orixe remóntase ao século XVI, coma os castelos, cando foi levantado por frades mercedarios como casa de retiro, pero co proceso de desamortización do século XIX pasou a mans militares e foi utilizado como hospital, como cuartel e, dadas as súas inmellorábeis vistas da ría, abofé que abraiantes, como posto de vixilancia costeira.

Hoxe en día está máis que necesitado dun bo labor de restauración que protexa a súa igrexa, a parte mellor conservada, aínda que pechada ao público, así como o claustro cadrado, no que quedan restos de arcos e columnas, e tamén o que fica das antigas dependencias monásticas, a cociña, as celas, a biblioteca e a hospedería.

Mais para rematar este percorrido pola ría que con tantos bos momentos me agasallou ao longo da vida, propoño que saiamos do mosteiro e que deamos un paseo polas súas inmediacións para procurarmos un lugar que teña unhas boas vistas, e dende alí poderemos ver os dous castelos de San Filipe e A Palma chantados na costa coas súas impoñentes estruturas de granito e, se miramos cara á entrada da ría e seguimos a liña que marca o horizonte quizais alcancemos a albiscar algún navío que se dirixa cara ao porto de Ferrol e poderemos gozar do seu paso entre os dous castelos, que é algo que paga ben a pena.

Adoro realmente esta ría, que ten a capacidade inmensa de me encher a mente de lembranzas moi gratas e moi bonitas.

©Xesús Constela, 2026