Cando os "concursos públicos" son un patrimonio privado dalgúns: cacicadas ao por maior

18 de mayo 2025

A dixitalización da administración é un atranco e un factor discriminador para moitos cidadáns, que non somos tontos, simplemente nin somos informáticos, nin temos que selo

Os desprezos que recibo no país que a un lle tocou ter nacido son numerosos, e suma e segue. A semana pasada entereime de que fora seleccionado para unha entrevista para unha bolsa de emprego como auxiliar de biblioteca no Concello de Fene. En ningún momento ninguén do dito Concello se puxo en contacto comigo, e ante esa ausencia de contacto, fun eu quen se decidiu a chamar o pasado venres. Para a miña sorpresa e indignación, precisamente aquel venres remataba o prazo para a presentación da documentación, prazo que comezara o luns anterior sen que ninguén contactara comigo por ningún medio. A única opción que tiña era presentar a documentación vía electrónica. Ademais, o prazo vía electrónica seguía aberto durante a fin de semana. Foron numerosos os intentos, entrando nun bucle: para darme de alta nunha chave, pedíanme outra chave. Ademais, non servía a famosa "chave 365". Cando facía clic para darme de alta, aparecía en pantalla unha mensaxe de erro dicindo que tal páxina non fora atopada. Investín moito tempo nese labirinto burocrático-dixital, sen acadar nada.

A dixitalización da administración é un atranco e un factor discriminador para moitos cidadáns, que non somos tontos, simplemente nin somos informáticos, nin temos que selo. Por outra banda, tan sequera sabía que documentación tiña que achegar, xa que dicían que esa información estaba no "apartado 4", e no PDF do Concello só aparecía ata o "apartado 3".

A miña indignación foi supina. Pero eu xa sabía que aínda que presentase toda a documentación correctamente e dentro do prazo, non tiña ningunha posibilidade. Xa outras veces me presentara a concursos coma este, como unha vez á Biblioteca do Museo de Lugo. Daba a sensación de que estaba todo atado e ben atado. Explícome. Ás veces, a administración, ante certos contratos non os pode renovar automaticamente, así que, cando se acaban as posibilidades de renovación, mandan a persoa ao paro durante un par de semanas mentres montan un teatriño. O teatriño consta dun "concurso público" amañado, onde a única razón de existencia é que se presente esa persoa que xa levaba anos traballando con eles e volver contratala. Pero o teatriño precisa de actores como extras, que son eu e outros pardillos. A primeira vez estás ilusionado, logo xa te decatas de que é todo un vulgar timo. Cando sae a lista das cualificacións dos candidatos, só tes que introducir no buscador de Internet o nome e apelidos da persoa agraciada, e dáste de conta entón do engano: a persoa levaba anos mantendo unha relación laboral con esa administración, e para o mesmo posto de traballo convocado en concurso. Está claro que está todo atado e ben atado, e que esa persoa parte cun elevado número de puntos. Ademais, teño constatado igualmente que na entrevista persoal fan preguntas que só pode contestar unha persoa que tivese relación previa con esa institución. En plan... onde gardamos as chaves da conserxería?, e cousas polo estilo.

É todo un burdo engano. O ano pasado apunteime ás listas de contratación temporal da Xunta como bedel. Pasaron os meses, e cando fun ver en que posto estaba, entérome de que estaba "excluído". Cando fun ao edificio administrativo preguntar que pasara, resulta que me apuntara a unha lista que "estaba pechada". Eu non teño que coñecer iso, pero a funcionaria que me recolleu o impreso conforme pagara a taxa, si que tiña que sabelo. Polo menos tiveron que chamarme para dicirme o que pasara e se quería apuntarme noutra lista conservándome a taxa. Pero nada, nin unha chamada, nin unha desculpa, chulería máxima, e por riba quedáronse coa taxa. Agora si, dixéronme as listas que estaban abertas, e ningunha me interesa. Un dos sindicatos que finxiron querer axudarme chamándome cando comezaran certos prazos, nunca o fixeron. Din que se quero estar ao tanto de todo tes que estar sindicado, o cal é unha inxustiza.

Unha persoa da miña formación optando como auxiliar de biblioteca e de bedel de instituto é un insulto, cando teño máis estudos que a maioría dos directores e directoras de bibliotecas e institutos. Pero o verdadeiramente insultante é a total falta de respecto, que nin a Xunta nin o Concello de Fene se poñan en contacto comigo cando coñecen todos os meus datos: teléfono, enderezo postal e correo electrónico.

A toda esta indignación súmase a resultante dos meus intentos durante dezaoito anos de ser acollido en Austria ou Alemaña. Desde Austria xa nin contestan. E desde a embaixada alemá dinme que non podo ser acollido xa que "non presento probas de vivir nun país non seguro". Pero... que máis probas queren? Son anos de insultos e ostracismo, expulsión da administración en dúas ocasións tras acceder a ela por concurso público. A deputación e a Universidade sénior do Campus de Pontevedra. Desta última, tras enviar sendos correos para pedir explicacións sobre o meu cesamento como profesor convidado, a día de hoxe non recibín explicación ningunha. Eu son un traballador serio e eficiente, e tales traballos foron realizados con esa seriedade e eficiencia. Estou tentado a sospeitar que nos dous casos foi unha cacicada para darlle o meu posto a un amigote. E ata que me demostren o contrario, así o pensarei. Por outra banda, a negativa de atención sanitaria en España é outro factor para ser acollido nestes países: preciso ser intervido na recomposición dos ósos do oído medio, unha timpanoplastia e o recorte dos ósos estiloides. A ausencia desta atención sanitaria provócame un acúfeno e unha hiperacusia severa, falta de equilibrio, vertixe, caídas na rúa, insomnio, cefaleas... etc. Acollerme neses países e atenderme no quirófano é unha medida humanitaria de xustiza. Dicir que non son un disidente intelectual en España é un insulto á miña intelixencia... un máis. Por outra banda, contrariamente a outros que si son acollidos sen presentar documentación ningunha, sen saberse tan sequera o país de procedencia e o seu expediente de penais, eu levo máis de dez anos estudando alemán, investindo todos os meus aforros en aprendelo en Göttingen (Alemaña). A día de hoxe, invisto tempo todos os días en estudalo. Non aprecio as vantaxes de ser cidadán comunitario. Dinme que podo "circular libremente", pero iso é un abstracto, un non pode "circular libremente" se non ten cartos, tan sequera podo facelo en España. Xa estou farto de ser o tonto, estou a morrer de fame e axiña estarei na rúa. Axiña non poderei pagar o meu único "vicio": ser socio da "Sociedad Filarmónica", e iso que non é nada caro. Pero cobro "0" euros ao mes, e iso durante moito tempo. O último traballo foi como profesor convidado na sénior, pagaban moi mal pero, aínda así, tiveron que conspirar para sacarme iso.

Algún día chegarán á desvergonza de que nas bases dos "concursos públicos" o poñan nas bases: requisitos, ter o DNI nº...