O día despois da denuncia, o comezo do segundo inferno

23 de agosto 2025

Marta Rodríguez Engroba recoñece que non é raro que "a máis dunha vítima se lle pase pola cabeza quitarse a vida. De feito, atreveríame a dicir que todas e cada unha de nós, mulleres que vivimos o terror, o pánico da violencia machista, tivemos esa idea en máis dunha ocasión"

Esta semana, a violencia de xénero arrebatounos unha vida de muller máis, a de Yolanda, en Llíria (Valencia), secuestrada durante 12 días pola súa exparella, nos que a violou reiteradamente e a someteu a toda clase de maltrato e vexacións.

Yolanda foi liberada despois de que ela mesma, ollo!, conseguira, polos seus medios, pedir axuda. Ninguén a localizou, nin ninguén, polo que se ve, botouna de menos antes. Días despois da súa liberación, e posterior detención do seu secuestrador, Yolanda precipitouse desde un quinto piso.

Todo apunta, din, a un suicidio, por non poder soportar o alcance mediático do seu caso e as continuas presións por parte da familia do seu verdugo para que retirase a denuncia.

Naturalmente, como xa ven sendo costume, desde o Ministerio de Igualdade, tentaron sacudirse co rabo as moscas de enriba, e rapidamente saíron ao paso para contarnos que Yolanda estaba practicamente "blindada", que era usuaria de Atenpro, programa de atención policial a vítimas de violencia de xénero, por ter sido igualmente vítima de violencia machista nunha relación anterior, que estaba a ser protexida pola G. Civil, atendida polo Centro da Muller de Xàtiva, pola OAVD de Llíria, polos organismos procedentes da Generalitat valenciana, pero, e aquí xa comezamos con iso de que "a avoa fuma", se trataba dunha muller extremadamente vulnerable, con numerosas adiccións, que rexeitaba cantas solucións se lle ofrecían, que faltaba ás citas concertadas para este fin, etc., etc., etc. Dito doutro xeito: unha vez máis séllelle traslada a culpa á vítima.

E, chegados a este punto, quero aclarar que isto é o que manifestan desde o Ministerio de Igualdade. Non o digo eu, e acláro porque cada vez é máis evidente que hai xente virtuosa de "libre interpretación" ou con dificultade de comprensión, que non sei que será peor, botando a lingua a pacer sen dar unha no cravo, pero cunha enorme habilidade, sen embargo, para insultar e faltar ao respecto.

Aclarado, agardo, este punto, e isto si o digo eu, e ben alto e ben claro, algo non cadra, e resulta que Yolanda tan protexida non estaría como demostra o feito de que o seu verdugo puideran secuestrala, mantela así durante tantos días, e que, se escapou, foi polos seus medios, e non porque os seus "protectores" se preocupasen ou a botasen de menos, o cal evidencia o nulo seguimento que se lle estaba a facer, digan o que digan e nos vendan o que nos vendan.

En segundo lugar, alegan a súa "extrema vulnerabilidade" e que era consumidora de certas substancias... E...??? É ese motivo xustificado para deixar de atendela, para facerlle o seguimento ao que ten todo o dereito? Non, é máis doado darlle as costas, e agora culpala a ela. O caso de Yolanda non é o único, nin moito menos, e, de feito, cando unha vítima de violencia de xénero acude a denunciar, ninguén lle conta que está a saír dun inferno para meterse noutro, algo eu diría inevitable, agás rarísimas excepcións.

Eu mesma o vivín na miña pel. A incomprensión da contorna, os reproches, as presións, a vergoña, as acusacións duns e doutros, pasan a ser o pan de cada día, e iso con sorte, se o maltratador vai á prisión, xa que, do contrario, o terror, lonxe de desaparecer, medra, e con toda xustificación. Denunciado e impune, é unha verdadeira bomba de reloxaría que, máis tarde ou máis cedo, remata por estalar.

Como digo, sei ben do que falo, porque o vivín, e, de feito, esa soidade insoportable, ese abandono institucional, esa incomprensión social que te estigmatiza, que te culpabiliza, foi a auténtica orixe do nacemento de "Si, hai saída", a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte. O desexo de axudar a estas mulleres que se atopan mergulladas na máis absoluta desesperación, como eu mesma me sentín.

Non é, pois, de estrañar, que a máis dunha vítima se lle pase pola cabeza quitarse a vida. De feito, atreveríame a dicir que todas e cada unha de nós, mulleres que vivimos o terror, o pánico da violencia machista, tivemos esa idea en máis dunha ocasión, independentemente de que chegue ou non a consumarse con posterioridade.

Eu sempre digo que fun unha privilexiada, porque tiven un revulsivo que me salvou a vida: meu fillo, un neno por aquel entón, que nunca me soltou da man, e case sempre literalmente. O seu amor incondicional, o seu sorriso, os seus abrazos cando a miña cara delataba como me sentía por dentro, foron a miña salvación, pero aínda lembro esas ocasións nas que, despois de escoitar toda clase de reproches, de soportar a incomprensión dunha contorna que dicía entenderme, pero que estaban tan preocupados polo que dirán que non vían ou non querían ver que estaba morrendo por dentro, asomábame á fiestra e pensaba que doado sería acabar con todo dunha vez, e deixar de sufrir, pero, cando máis desesperada me atopaba, esa manciña que estreitaba a miña, e ese abrazo mentres me acariciaba... ou directamente me secaba as bágoas, dicíndome moi baixiño, coa súa cariña pegada á miña "Mamá, quérote moito", dábame unha razón, a máis grande de todas, para seguir adiante. Agora veñen vendernos a "posible relación", din, entre as ideas suicidas e o ser vítima de violencia de xénero. Precisaron os e as "especialistas" chegar ata aquí para facerse esta pregunta.

Nós tamén temos unha pregunta: Cantas mulleres máis teñen que ser asasinadas para que se atopen respostas?

Asociación "Si, hai saída"