Emigración e inmigración: dous puntais fundamentais sobre os que construír a Galicia do futuro

13 de febrero 2025
Actualizada: 9:49

O desenvolvemento histórico deste fenómeno ten as súas luces e as súas sombras. Se ben o diñeiro enviado polos emigrantes ten contribuído á modernización do agro galego

A emigración galega ten xogado un papel de primeira magnitude ao longo da Historia Contemporánea de Galicia. Non existe aspecto no que non teña incidido dende un xeito ou outro, xa sexa no económico, no político, no cultural, no social ou no demográfico. Certamente o desenvolvemento histórico deste fenómeno ten as súas luces e as súas sombras. Se ben o diñeiro enviado polos emigrantes ten contribuído á modernización do agro galego, sumido no máis absoluto atraso a fins do S.XIX e nos anos 40 e 50 da postguerra civil ao ser violentamente rabenado o proxecto modernizador que se albiscaba nos anos da República cando semellaba atinxirse o desexado réxime de autonomía, ao carecer dun proxecto de país os esforzos dos emigrantes por mellorar as condicións de vida dos que aquí ficaban resultaron insuficientes para transformar a fondo a economía galega.

E non foi porque non se intentase. Os xiros de pequenas cantidades de diñeiro enviado de xeito constante a través dunha mesta rede de oficinas e representacións bancarias que cubrían practicamente todo o país (era a rede bancaria mais estendida de toda España no primeiro terzo do S.XX) e a onde chegaban os xiros realizados Venezuela, Arxentina ou Uruguai, serviu para mellorar as técnicas agrarias que ata 1890 practicamente non tiñan cambiado dende a época dos romanos, para investir en maquinaria, en gando ou para liberar foros e arrendamentos, para construír casas novas con mellores condicións hixiénicas, para financiar a edificación de edificios escolares e dotalos de equipamento facéndose dende América o labor que non facía o Ministerio de Fomento de quen dependía a educación nacional e que en 1910 gastaba mais diñeiro en subvencionar touradas que en construír escolas.

Cousas semellantes aconteceron na segunda gran enxurrada migratoria, agora con destino aos países europeos do entón chamado Mercado Común (Francia, Bélxica, Alemaña, Holanda, Luxemburgo) e da EFTA (Gran Bretaña e Suíza preferentemente). Foi ese diñeiro enviado dende as representacións que neses países tiñan os bancos españois e os bancos e Caixas de Aforro galegas o que permitiu a mellora do campo mediante a compra de tractores e maquinaria, a construción de casas e edificios anexos, a compra de automóbiles, o investimento en pisos nas cidades, a compra ou creación de pequenos negocios preferentemente de carácter urbano, o acceso dos rapaces a estudos superiores etc. Pero tampouco neste caso se solucionaron os problemas de fondo do país e, se ben esta segunda enxurrada migratoria foi temporal e con retorno, os emigrantes non regresaban na gran maioría ao campo senón que se instalaban nas cidades que comezaron aumentar a poboación a costa das áreas rurais que, ao mesmo ritmo ían despoboándose.

Na actualidade a rede de centros galegos no exterior, aínda que en decadencia por falta de novas achegas de compoñentes, ten, porén, unha enorme importancia e unha función en beneficio do país que está sendo moi pouco utilizada polo goberno galego. Abonda con contemplar estes datos: Os Centros e entidades galegas no exterior de Galicia actualmente en funcionamento son, de acordo aos datos da Secretaría Xeral de Emigración, 197, aínda que con respecto a hai 20 anos o número ten caído bastante, esa cifra aínda é superior á suma do número de embaixadas españolas, (116), Cámaras de Comercio de España (44) e Centros Culturais españois (16). E esta riqueza asociativa sáelle practicamente gratis ao país.

Xa hai tempo que se vén insistindo de que Galicia ten catro realidades que lle permiten competir nun mundo crecentemente globalizado. Unhas realidades das que carecen gran parte das comunidades autónomas españolas:

En primeiro lugar a lingua. O galego-portugués representa hoxe un conxunto de 281 millóns de falantes o que a convirte na segunda lingua romance polo número de falantes superando ao francés, e na sexta lingua nativa mais falada no mundo. Se a isto lle engadimos que a gran maioría dos galegos e galegas falan tamén o castelán, calquera galego ou galega se pode entender con toda facilidade con máis de 800 millóns de habitantes. Para encontrar unha situación semellante dunha persoa que poda falar con esa cantidade de individuos sen ter que aprender linguas temos que acudir a China. Non existe ningún outro exemplo (inglés, 380 millóns coma lingua nativa; árabe 274 millóns; hindi 609 millóns).

En segundo lugar a posición xeográfica. Galicia está situada no centro das autopistas do mar que unen o Norte de Europa con África. Ademais diante das súas costas pasa a inmensa maioría do tráfico que vai de Europa a América do Norte e do Sur. É, polo tanto, unha plataforma avanzada e un punto de referencia no tráfico mundial de contedores.

En terceiro lugar Galicia conta con algunhas empresas de proxección internacional como Inditex, Pescanova ou Stellantis que figuran entre as máis importantes do mundo nas súas respectivas áreas produtivas.

En cuarto lugar está esa ampla rede asociativa que permite contar con plataformas de proxección de Galicia no exterior a moi baixo custo.

En definitiva a emigración e a inmigración deben ser a día de hoxe dous puntais fundamentais sobre os que construír a Galicia do futuro.

Pero para iso se precisa un plan-país, é dicir, un proxecto de Galicia que non só contemple a resposta aos problemas internos, senón tamén, e ao mesmo nivel, as cuestións relacionadas co papel de Galicia no mundo. E esa é unha das claves do futuro onde se abren dúas perspectivas: Ou proxectarse cara afora ou limitarse a ser un territorio satélite dentro de España sen máis futuro que un progresivo envellecemento e unha imparable desindustrialización ademais do abandono de amplos espazos do territorio por carencia de habitantes.