Nun tempo no que as sociedades avanzadas se enfrontan a enormes desafíos -económicos, sociais e democráticos-, resulta evidente que as mulleres e a cidadanía no seu conxunto necesitan gobernos á altura das circunstancias. A igualdade non é un luxo nin un accesorio: é unha condición imprescindible para o progreso. Por iso, e porque a memoria é ás veces sorprendentemente curta -ou interesadamente selectiva-, convén lembrar quen puxo as bases do Estado moderno de protección dos dereitos das mulleres no noso país.
O primeiro goberno que situou de maneira clara e decidida ás mulleres no centro da súa acción política foi o Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero. E non só pola súa composición, que marcou un fito mundial ao contar cunha maioría feminina e cunha vicepresidenta á fronte -na que tivemos, ademais, a honra de contar con galegas como Elena Espinosa-, senón polo impulso lexislativo sen precedentes que inaugurou. Aquel foi, sen dúbida, un antes e un despois na loita pola igualdade, un punto de inflexión que agardamos non ver nunca retroceder.
Desde 2018, coa chegada de Pedro Sánchez á Presidencia, o compromiso coa ampliación de dereitos sociais e coa protección das mulleres non fixo máis que intensificarse. O avance é medible: España ascendeu 12 postos nos índices europeos de igualdade en apenas seis anos. E este progreso non é abstracto, senón perfectamente identificable en medidas concretas que transforman a vida das persoas.
A subida do salario mínimo -que medrou un 61% desde 2018- beneficia de maneira directa ás mulleres, que representan o 65% das persoas que o perciben. A fenda salarial reduciuse do 22% ao 17%, mentres que a Reforma Laboral mellorou a estabilidade e reduciu a precariedade que afectaba especialmente ás traballadoras. Avanzouse tamén na protección dos coidados coa ampliación dos permisos por nacemento e coa ratificación do Convenio 189 da OIT, que dignifica o traballo das empregadas do fogar.
A isto súmase a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, que situou por primeira vez o consentimento no centro da lexislación penal sobre violencia sexual, incorporando ademais medidas imprescindibles: educación en igualdade, protocolos preventivos, acompañamento xurídico e psicolóxico as 24 horas e a creación dos centros integrais en tódalas provincias.
A recente renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero ampliou de 290 a 461 as súas medidas e recoñeceu novas formas de violencia -a dixital, a económica e a vicaria- que hoxe condicionan a vida de milleiros de mulleres. É unha actualización necesaria e unha mostra do compromiso firme do Estado por combater tódalas violencias machistas.
Pero queda camiño por percorrer. Sobre a mesa están reformas tan relevantes como a Lei Orgánica de Violencia Vicaria, os avances cara á abolición do sistema prostitucional -coa Lei Integral contra a Trata e a futura Lei Abolicionista- ou a proposta de reforma do artigo 43 da Constitución para garantir que todas as mulleres poidan exercer o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo sen obstáculos materiais. Tamén continúa o desenvolvemento da Lei Zerolo e da futura Lei contra o Racismo, imprescindible para combater as discriminacións que afectan, de maneira dobre, ás mulleres racializadas.
España é hoxe un referente internacional en políticas públicas feministas. E isto non é casual nin automático: é froito de gobernos que entenderon que a igualdade non pode quedar nas palabras, senón que require feitos, recursos e valentía política. O progreso logrado non está garantido para sempre. Precisamente por iso é imprescindible defendelo e seguir avanzando. Porque España avanza cando avanzamos as mulleres.