O outro día atopeime nas redes cunha aseveración sobre Pontevedra, decía que "segundo o mito", unha serea, de nome Leucoíña, guiara a Teucro para que chegara o lugar onde fundaría Pontevedra. De novo, igual que fixen na anterior colaboración, debo sinalar o papel do fakelore, termo creado polo folclorista estadounidense Richard M. Dorson cara o ano 1950. Convido a calqueira a que se queime as pestañas buscando algunha fonte antiga na cal apareza a tal Leucoíña. A chegada de Teucro, non a Pontevedra en concreto, pero sí o extremo Occidente, aparece en Asclepiades de Mirlea no seculo I a.C. e nos epítomes de Xustino (ss.II-III d.C.) a Trogo Pompeio (s.I a.C.) hai mención da presencia de Teucro no extremo occidental. Dise que o presenza de Teucro en Galicia é un invento dos círculos humanistas da Pontevedra do XVI pero, lonxe dixo, xa a comezos do século VII, nas Etimoloxías de Isidoro de Sevilla, moito antes deses círculos humanístico do século XVI, se existiron algunha vez, lemos: "Pois rematada a guerra de Troia, Teucro, morto Áyax, o seu irmán, e aborrecido polo seu pai Telamón, que non o deu recibido, marchou a Galicia, onde se aposentou, e polo lugar deu o nome ó seu pobo" (IX, 2, 110-111).
Teucro era fillo de Telamón, rei de Salamina, e Hesíone, filla de Laomedonte polo tanto irmá de Príamo, rei de Troia. Era irmanastro de Áyax Telamonio, de distinta nai (a nai de Áyax era Peribea), tras cuxo escudo de sete peles de boi, "alto como unha torre" como lemos en Homero, Teucro adoitaba disparar o seu arco, abatendo ós inimigos. Nos relatos homéricos, Teucro realiza unha serie de fazañas, dando morte de xeito sucesivo a Orsíloco, Órmeno, Ofelestes, Daitor, Cromio, Licofontes, Amopaón, Melanipo, Gorgiton, Arqueptólenos, Imbrio, Protoón, Perifetes e Clitio. Igualmente, fire a Glauco e case morre en mans de Héctor de non ser pola acción do seu irmanastro Áyax. Cando regresa a súa Salamina, o seu pai, Telamón, bótalle en cara que non evitara o suicidio de Áyax tras entolecer por non conseguir ás armas de Aquiles fronte a Odiseo, episodio que deu lugar a unha das traxedias máis fermosas do grande Sófocles. Teucro é desterrado e viaxe por Siria e Chipre antes de tentar voltar a Salamina trala morte de Telamón. Pero a cousa non sae como agardaba debido a Eurisaces, o seu sobriño, e vense para o extremo Occidente.
De Leucoíña, á cal lle adicaron un famoso mural en Pontevedra e unha obra musical obra de Brais González estreada este ano. Moitos sorprenderanse que Leucoíña, lonxe de ser un mito, é unha figura literaria inventada ex novo no ano 2004 por Fernando Lillo Redonet, doutor en filoloxía clásica nunha obra, Teucro. O arqueiro e Troia. Polo tanto, ten pouco máis de vinte anos, pero calou na cidadanía pontevedresa, sen ter lido o libro e ignorando a orixe de Leucoíña. Fernando Lillo, xerou un nome híbrido collendo a verba leukós, que en grego significa branca, engadíndolle a terminación -iña como diminutivo cariñoso. Que un nome rematado en -iña colara como parte dunha lenda grega multisecular, é totalmente chamativo.
Como dixen, na cidade tamén hai un mural que tenta representar a Leucoíña, por suposto, unha serea mitad muller mitad peixe. Este é un erro común que ten orixe nos bestiarios medievais, pero que asentouse sobre todo debido á literatura da man de Hans Christian Andersen e á cultura de masas de Disney. No mundo grego, e así son descritas por Homero nesa Odisea que Christopher Nolan acaba de reinterpretar seguindo os postulados woke que tanto dano fan o espíritu crítico comportándose como un auténtico cancro de Occidente, as sereas non son metade muller metade peixe, senón que teñen ás e voan. Algo que tamén podemos ver na cerámica grega pintada cando representan o episodio de Odiseo e as sereas. Algo que Fernando Lillo, como filólogo de clásicas, non descoñecerá, pero a cultura popular sempre vence á cultura histórica baseada nas fontes. Moitas veces, os historiadores, sufrimos o chamado efecto Dunning-Kruger, un sesgo cognitivo no cal persoas con escasos coñecementos e habilidades sobre un tema, tenden a sobreestimar gravemente a súa propia capacidade, levándolle a contraria a un especialista auténtico. Eu, nos últimos meses, non entrei nas redes no debate de defensa ou ataque de Christopher Nolan e a súa Helena negra, xa que a ignorancia fai osada á xente e convértense de súpeto en especialistas de Historia Antiga, filólogos de grego clásico e xenetistas que debullan un mapa da Grecia antiga chea de xente negra por obra e gracia da wikipedia e de publicacións non científicas e non revisadas por pares.
O caso de Leucoíña en Pontevedra, é o exemplo de manual de como cristaliza o fakelore no século XXI. Xa no basta con repetilo en blogs o guías turísticas para enganar a incautos; o mito artificial precisa de enraizarse no espazo físico. Temos asistido, en menos de vinte anos, á creación dunha falsa memoria colectiva. Leucoíña foi inventada no ano 2004, de mito nada. Ademais, de ser unha historia grega auténtica, tampouco sería un mito, hai un matiz entre mito e lenda. Neste caso non é nen lenda tan sequera.
Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita
Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.