Hai uns días, nas inmediacións da basílica de Santa María, unha guía turística, ou unha persoa que se facía pasar por unha, contáballe a uns incautos turistas unha historieta que, en realidade, eu nunca escoitara. Como adoita pasar para engatusar a turistas que visitan a nosa terra, na historia non podía faltar unha meiga.
Contaba que había unha lenda na cal unha meiga, todas as noites, ía petar na porta da basílica de Santa María, repetindo a operación unhas tres veces, e que, se á terceira soaba unha campá, ou algo semellante, era un mal sinal. Iso, máis que folklore, é «fakelore», e o que Eric Hobsbawm podería chamar «a invención da tradición».
Eu non a interrompín e deixei que se fose cos turistas para contarlles máis sandeces, con meigas, monxas posesas tirando fetos ás cloacas, túneles que atravesan a cidade cheos de misterios, asasinos en serie de novela, arcanos misteriosos, signos secretos do oculto, templarios, masóns e rosacruces camiñando pola nosa vila, todo ben aderezado con tesouros ocultos como o de Benito Soto.
Iso pasa cando se tenta buscar rendibilidade no coñecemento histórico coa vista posta no turismo, buscando o atractivo con preferencia ao verídico, cando o verídico resulta algo máis aburrido e gris.
Hai uns anos, a un medio local vendéronlle o timo dun túnel que atravesaba Pontevedra. Eu conservo o recorte de prensa, con fotos e todo, e incluso un mapa-croquis do percorrido do suposto túnel. O falso túnel, no seu percorrido, unía o convento dos franciscanos e o das clarisas, e entón a picaresca xa se fixo dona e señora do relato, e a xente comezou a xurar por todos os santos que eles, cos seus ollos, miraran as monxas de Santa Clara desfacéndose dos fetos resultado de tales encontros.
Evidentemente, non existía tal túnel: todo foi produto dunha broma que saltou aos medios impresos locais e que seguiu un camiño inesperado até converterse en pseudo-historia pontevedresa, esa que vende tanto.
Xa pasou o tempo dourado da historiografía seria pontevedresa, con autores como Juan Juega Puig ou Manuel Pereira Fernández, ambos estudosos do século XVI pontevedrés e ambos tristemente falecidos, ademais, no mellor das súas vidas. Ou de cando aquela Historia de la ciudad de Pontevedra, de Xosé Fortes Bouzán, se convertera, en testemuño dos libreiros da desaparecida libraría «Michelena», nun auténtico top-vendas local.
Eran aqueles libros obras serias, co rigor sempre por diante, e ademais eran autores que pasaran por facultades de Historia ou as vellas de Filosofía e Letras. Hoxe en día vende máis a anécdota e, se é soez, mellor que mellor, sen ningún tipo de intención epistemolóxica.
Desde hai décadas existen senllas facultades de Historia en Santiago e en Ourense, onde son formados os historiadores e se capacitan para penetrar na documentación do pasado, para saber que preguntas facerlle ao documento para ter as respostas adecuadas. Alí, mal ou ben, ensinan paleografía, arqueoloxía, epigrafía, numismática, historiografía, metodoloxía histórica, ademais de todas as materias troncais e obrigatorias de Historia Universal, España e Galicia. Á xente saída desas facultades correspóndelle coidar o relato histórico e o seu carácter científico.
Gustaríame advertir a cidadanía pontevedresa do avance desa pseudo-historia que deixa de lado os historiadores formados. É coñecida aquela historia do antropólogo que chega a un pobo e alí cóntanlle a historia de amor dunha parella, que se contaba, segundo eles xuraban, desde tempos inmemoriais.
Resulta que o antropólogo, ao final, deuse conta de que a historia tiña uns poucos anos de vida e incluso puido coñecer os protagonistas dela, que aínda vivían. De seguro que aquela xente que xuraba que aquela historia tiña moita soleira non o facía por mal, nin eran mentireiros. Sinxelamente, a confección deste tipo de relatos segue un curso que se lles escapa aos mesmos protagonistas e chega un momento no cal un relato confeccionado hai uns poucos anos colle a pátina dun relato multisecular.
Creo que a historia desta parella a lin no libro O mundo de Odiseo, de Moses I. Finley, cando fala do proceso de creación do relato oral dentro do discurso da orixe do relato homérico. En todo caso, é triste esta situación nunha poboación, como a de Pontevedra, que sempre presumiu de culta.