Imaxínense a un bombeiro que, para instruír aos seus aprendices, provoca un lume para ensinarlles como o dar apagado, pero que é tan patoso que ao final a cousa escapáselle das mans e o lume incontrolado queima o parque de bombeiros e un considerable número de hectáreas. Pois iso é o que estamos sufrindo. Non tiñamos unha pandemia dende a “gripe española” do 1918 e agora temos dúas xuntas, e todo por culpa dos “bombeiros pirómanos”. É máis que evidente que neses laboratorios, como o de Wuhan, estaban investigando con virus COVID dos morcegos para “previr” futuras pandemias, pero ao final, por un fallo de protocolo de seguridade, por neglixencia ou polo que fora, o virus saíu ao exterior e foi quen de saltar aos humanos, seguramente debido a unha manipulación previa do virus realizada durante esas “investigacións”. Trala pandemia, escoitei con preocupación como unha serie de científicos metíanse na xungla a fozar nalgún becho para “previr” novas pandemias. É dicir, que buscan ao becho que igual non tiña xeito de contactar cos humanos e tócanlle a moral, por dicilo dalgún xeito, até que salte o virus, que doutro xeito nunca saberíamos del. Se ese é o xeito de “previr” novas pandemias, por favor, deixen de preocuparse pola nosa saúde, señores científicos.
Por outra banda, sempre me preocupou esa arrogancia da xente de ciencias para arrogarse o título de “científico” para eles e o seu traballo, mirando por riba do ombreiro aos de humanidades. Din que non podemos ser científicos os historiadores por non “ser capaces de establecer predicións”, algo discutible. Sobre todo, é discutible que sexan capaces de facelas eles, cando algúns deses “científicos” dixeron que iamos ter o inverno “máis cálido e seco dos últimos tempos” (risas).
Agora xa está a OMS, organismo totalmente desacreditado tras deixarse mercar por China para tapar a súa responsabilidade na pandemia do COVID-19 (sabemos do aumento de “doazóns” de China á OMS), anunciando unha nova pandemia, o Nipah, que xa anda circulando pola India e países aledaños. Curiosamente, como no caso do “virus de Wuhan”, falla o relato de que débese ao contaxio con animais polo avance da ocupación humana por zonas selváticas, xa que, como pasou en Wuhan, unha cidade con 8.310.000 habitantes, o epicentro non está en zonas rurais. Polo contrario, está en grandes urbes, e casualmente nas portas de laboratorios. Sabemos que na India están os laboratorios máis importantes do mundo, así que non me sorprende nada que esta nova trangallada que se nos aproxima veña precisamente da India.
Colleranos a todos igual de “preparados”, volverán a dicirnos que van ser dous e tres casos (xa están dicindo que o risco para España é baixo) e despois os dous principais partidos políticos do país comezarán co consabido “e ti máis” (cousas do bipartidismo) recorrendo ás hemerotecas sen nunca xestarse responsabilidade algunha. Volveremos a poñer mascarilla, forrándose algúns coas mordidas, volverán a confinarnos e volverán a inocularnos a saber que para beneficio das “farmafias”, responsables primeiras da aparición do virus. Elas e as súas malditas “investigacións”.
A todo isto, a “gripe española”, a pesar de que foi chamada así dende o principio sen que xurdiran “ofendidiños” como xurden agora, non era endémica de España nin naceu aquí, pero aquí tivo un especial tratamento na prensa debido a que en gran parte de Europa as noticias da guerra obstaculizaban a comunicación de temas relativos á pandemia. Pero cando un quere chamar ao COVID-19 como “virus chino”, deseguido é vítima dunha serie de apelativos: trumpista, conspiranoico, fachosfera, e toda esa serie de termos que nos últimos anos foron inventados para denigrar aos que pensamos distinto, e en moitos casos aos que pensamos a secas.