É a nosa sociedade unha sociedade empática?. Razoen a súa resposta

04 de xaneiro 2026

Os fogos de artificio provocan un grave dano entre persoas e outros animais, algunhas das nosas mascotas fuxen despavoridas, e incluso perden a vida. En canto ás persoas, nenos autistas ou xente con hiperacusia, sufrimos o indecible

Somos unha sociedade empática, inclusiva?. Iso é o que nos venden, pero hai un amplísimo sector da sociedade castigado impunemente, no cal ninguén pensa, do cal ninguén se preocupa. A ese amplo colectivo pertenzo eu, refírome á xente que sofre hiperacusia e misofonía. O sinxelo feito de estar na rúa e que apareza unha persoa con tacóns, resulta para nós un auténtico inferno; de feito, cando isto sucede, teño que parar e deixar que a persoa se alonxe ou apurar eu o paso, dependendo da presa que leve. Pero nunca se cuestionou prohibir o uso de tacóns, xa non na rúa, senón incluso no interior dunha vivenda, e todo queda na boa ou mala disposición da veciña e en normas municipais pouco claras. Ademais, é habitual que lle concedan graos de discapacidade, con facilidades para acadar certos empregos na administración, a aqueles que sufran outros problemas de audición, como a xordeira, pero os que sufrimos hiperacusia e misofonía, non temos esa posibilidade. Levo case tres anos agardando por unha resolución dunha concesión dun grado de discapacidade, e síntome escéptico de que me concedan algo. Neste intre, rematada a tese e a piques de ser deixada en depósito, comecei a opositar para a administración como auxiliar de bibliotecas e arquivos, e a verdade é que a concesión deste grado de discapacidade sería de grande axuda. Tratarei de algún modo poder desfrutar dunha bolsa post-doc e poder adicarme á investigación nun departamento ou a docencia universitaria. Pero teño que atar varios cabos. O meu soño, sempre foi adicarme á investigación, pero, a pesar dos meus éxitos académicos, nunca fun valorado por unha sociedade lerda, tan sequera na miña propia cidade. Fai unhas semanas, na presentación dunha revista veciñal, recibín unha humillación, cando se me negou a falar da miña colaboración como sí llo permitiron a outros colaboradores. Agora que vexo cara a miña tese, esas máis de 900 páxinas, con gran parte escrita en latín, tras anos de investigación, cando vexo para atrás no meu longo proceso formativo, penso que debería ser mellor considerado na miña propia cidade. Pero isto é un trauma meu sen relación co problema da hiperacusia.

Os fogos de artificio provocan un grave dano entre persoas e outros animais, algunhas das nosas mascotas fuxen despavoridas, e incluso perden a vida. En canto ás persoas, nenos autistas ou xente con hiperacusia, sufrimos o indecible. A hiperacusia faiche escoitar todo moi moi alto, pero descompensado, distorsionado e mal filtrado. Non é un superpoder, é unha fonda maldición. Tampouco, como no caso dos tacóns, se cuestionan os fogos de artificio. E non falo dos fogos do "Santiaguiño", da "Peregrina" ou das festas parroquiais e festivos locais… tamén está o garrulo que tira un foguete, seguramente sisado da comisión de festas, cando a súa equipa de futbol mete un gol. Xa George Orwell, na súa distopía de 1984, escribira que manipulaban á poboación por medio do futbol, os licores baratos, e unha pornografía que aínda que tiña apariencia de subversiva era xerada polo propio Estado.

Nen tampouco os servizos de limpeza do Concello de Pontevedra, a pesar das miñas queixas, deixan de montar tanto balbordo, pasando cinco veces de madrugada, cunha maquinaria repleta de chirridos e golpes. Que para que un par de operarios teñan un traballo máis doado se teña que fastidiar toda a poboación é do máis esperpéntico. Boto de menos aqueles tempos cando só pasaban unha vez, ás dez da noite, non de madrugada, e sen montar balbordo, tirando a man as bolsas de lixo, cubertas as súas mans con luvas. Pero volvéronse moi cómodos e finos e sen saír da cabina do vehículo, movendo un mandiño, accionan unha maquinaria que esperta a toda a veciñanza. Eu podo tardar máis de corenta minutos en volver a durmirme, no caso de conseguilo. Por non falar dos veciños ruidosos, tentei denuncialos ao Concello, pero baixou un dos inquilinos a ameazarme a min e ao meu pai, un home de 82 anos, e tiven que retirar a denuncia. O dereito ao descanso é un dos dereitos máis pisoteados neste país. Precisamente, escribo estas verbas durante a noite do 31 de decembro. Unha noite especialmente ruidosa e onde a policía local practica unha política de manga ancha. Eu, fai anos, denunciei a un policía local o actitude ruidosa do meu veciño, e tan sequera foi falar co tal veciño. Hai unha crenza de que a noite do 31 de decembro hai un fenómeno cósmico de grande importancia… sinxelamente é un reinicio do traxecto arredor do sol, pero o inicio e o fin dese traxecto é unha convención. O inicio do ano o 1 de xaneiro foi cousa de Xulio César no 45 a.C., e o calendario xuliano foi a base para o calendario gregorián. De "acontementos cósmicos" nada. Sinto decepcionar. Eu, este ano non celebrei nada, sinxelamente tomei uns canapés cara ás oito e bebín mosto xunto ao meu pai. Unha noite nada especial, máis ben triste, relacionen isto ca miña colaboración anterior.

Que todos teñan un mellor 2026, dando pasos cara unha sociedade empática, con feitos, non só verbas. Mentres escribo as presentes verbas, teño que aguantar aos golpes dos veciños, esa é a empatía neste país con déficit de educación e valores.