Fai unha semana celebrouse o "Días das Letras Galegas", e hoxe quixera reflexionar sobre as mesmas. As letras galegas son as nosas letras cada un dos días do calendario anual, agora ben, sen dúbida está ben que cada 17 de maio lembremos a unha das figuras senlleiras da nosa lingua. Cando paseo polas rúas e prazas de Pontevedra, é para min un pracer poder escoitar o galego nas conversas da xente. Pero o pracer é maior cando eses galegofalantes son xente moza, xa que representan o futuro. A pesares de todo, sería demasiado optimista se non aprezo a realidade de que o galego é unha lingua que debe ser protexida polo avance do castelán entre os galegos. Cada vez é maior o número de galegofalantes habituais que debido a varias razóns deciden pasarse ao bilingüismo. Ás veces hai unha verdadeira presión social, incluíndo unha violencia simbólica contra os galegofalantes, os chaman maleducados por usar o galego con non galegofalantes. Eu coñezo a xente de fóra, nomeadamente a unha francesa e a un estadounidense que falan galego mellor que moitos galegos, a pesares de levar aquí pouco tempo. Pero os estranxeiros que se mostran máis reacios a aprender e falar o galego son precisamente aqueles procedentes dos países de fala hispana.
Estou en período de tese, e debo recoñecer que a miña tese doutoral está escrita en castelán, non en galego, pensando nos membros do tribunal que non necesariamente teñen que ser galegos ou entender ao galego. A globalización cada vez maior leva a que as veces teñamos que renegar das nosas especificidades, e unha delas é a lingua, este é un perigo que trae esa globalización: a eliminación da nosa fala e do noso xeito de vivir. Como dicía Castelao, o galego é un monumento tan noso e importante como poder selo a catedral compostelá, e aínda maior ca ela.
No seu día, cando decidín dalo paso cara o galego, non foi unha decisión fácil. As veces os galegofalantes coartan aos que intentan comezar a falar galego, correxíndolles, ou decíndolles abertamente que dar vengonza allea escoitalos. O uso indebido de fomas verbais compostas co verbo haber, inexistentes no galego, é unha das mostras máis habituais de que esa persoa non está acostumada a falar galego, pero que o intenta. O tempo lima esas imperfeccións na lingua. Eu animo a que ninguén os bote atrás á hora de decidirvos a falar galego. Nas nosas mans está a pervivencia do galego cando dende as administracións non hai un interese claro na defensa do galego. Moitas veces, nos teléfonos da administración, unha voz che pregunta se queres que che falen en galego ou en castelán, tendo que premer unha ou outra tecla. O asunto é que, aínda que optes polo galego, a funcionaria ou funcionario sempre che fala en castelán. E o mesmo pasa na atención presencial. Unha bandeira galega identifica os postos onde podes ser atendido en galego, pero tamén neses postos serás atendido en castelán. O diploma do CELGA, que piden ó persoal administrativo, non significa que vaias a falar galego.
Para rematar, gostaríame comentar cáles son as dúas obras da literatura galega que máis me gustaron. En primeiro lugar Cousas de Castelao, unha obra cargada de humor sarcástico e ademais breve e doada de ler. Outra obra, máis complexa e extensa, e que igualmente fixo as miñas delicias, foi Morte de rei, de Darío Xohán Cabana, autor falecido no 2021 e que polo tanto aínda non se lle pode homenaxear no Días das Letras Galegas, pero que sen dúbida o merece. Nesta novela de carácter histórico, o autor sumerxe ao leitor no século XI, tendo por protagonista ao rei García II, encerrado pola felonía do seu irmán Afonso VI no Castelo de Lúa. Ambas leituras son moi recomendables. Que o galego teña futuro ou non, está nas nosas mans, ou mellor dito, nas nosas linguas.
