Hoxe son "feminista", mañá non, e pasado... depende

01 de marzo 2026

Xa está aquí un ano máis.

O 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, xa asoma, e con el todo o aparato ou "particularidades", por dicilo máis sutilmente, que o acompañan.

Como cada ano, xa comezan a aparecer nos medios de comunicación mulleres triunfadoras, empresarias de éxito, "nais coraxe" con familias algo máis que numerosas que nos contan, desde os salóns das súas fermosas casas, o ben que se organizan para chegar a fin de mes folgadamente, todas elas, por suposto, fermosísimas, con tempo para cuidarse malia as súas maratonianas xornadas laborais, cuns físicos e uns "outfits" aparentemente sinxelos, pero dos que custan unha pasta, que traballan, concilian e montan empresas coma quen vai mercar o pan, as que nos poñen como referentes e nos din que todas podemos ser como elas, que soamente é cuestión de organización e de vontade. Ah!, e todas elas son feministas ata a medula, faltaría máis.
Perdoade, pero, ja, ja, ja...

Vaia, que unha xa non sabe moi ben se está lendo unha entrevista ou vendo unha nova versión de "El diablo se viste de Prada", e, aínda por riba, con sorna, e da máis revirada, porque, francamente, non digo eu que non merezan un recoñecemento e que non teñan mérito, que o terán, pero cando o apelido de papá ocupa toda unha liña dun folio e che deixa todo o "tinglado" ben montado para tomar o relevo, cando vos podedes permitir ter axuda nas vosas casas, e chegar a fin de mes é a última das vosas preocupacións porque para vós todo o mes é día 1, teredes, repetimos, moito mérito, pero comprendereis que o común das mortais, as que temos que contar cada euro, se é que temos algún que contar, as que loitamos para sacar adiante aos nosos fillos con mil sacrificios tentando que non lles falte o máis necesario, e aínda así non sempre o conseguimos, as que teñen que loitar por ter un teito baixo o que vivir, as que loitan por saír da violencia de xénero, etc., etc., etc., non nos sintamos para nada identificadas con vós, pero si case ofendidas, por non dicilo sen "case".

Son estas datas moi adoitadas tamén para o nacemento de novos "chiringuitos" de mulleres emprendedoras, tamén divinas, por suposto, e que, ademais de éxitos nas súas carreiras profesionais, van ter, a maiores de recoñecemento, xenerosas subvencións mentres se codean con todos e todas as VIP, aparecendo en todas as fotos de eventos, mires para onde mires e, por suposto, moi ben relacionadas, algunhas, de feito, cun pé xa no limiar da política, que, a día de hoxe, xa se sabe que é un seguro de vida confortable, xeneroso... e vitalicio!

E, por suposto, chegamos ao escenario de cada ano.

As pancartas, lilas, as manifestacións e demais accións encabezadas, case sempre como non, por aquelas que se autodenominan "gurús" do feminismo, que deciden quen é feminista e quen non, e que se permiten non soamente facer ese cribado, senón que, contradicindo, obviamente, aquilo que din defender, desprezan e faltan ao respecto reiteradamente a todas as que non nos pregamos á súa particular doutrina, as que pedimos igualdade real, cos mesmos dereitos e as mesmas obrigas para homes e mulleres, e non un "quitádevos vós para poñernos nós", e as que, evidentemente, nos parece terrible que se agreda ou mesmo se mate as mulleres polo mero feito de selo, pero tamén que se dea por sentado que os homes, polo feito de selo, sexan considerados machistas e maltratadores ou feminicidas en potencia.

E todo isto, nun comezo de ano no que a violencia de xénero xa fixo correr moita sangue de mulleres e mesmo de menores, está a ser aínda máis evidente, se cabe, polos últimos acontecementos sucedidos.

Entre eles está, evidentemente, a acusación de agresión sexual ao xa ex DAO da Policía Nacional, J. Ángel González, a unha membro do corpo e que semella ser, ademais, tan só a punta dun iceberg moito máis profundo.

A gran pregunta é, onde están agora todas esas "feministas" ás que se lles enche a boca falando de violencia institucional, que saen correndo a berrar ás portas dos xulgados ante cada caso mediático con "famosos" polo medio, as do "Eu si te creo, irmá!", ou "Non estás soa!" e demais consignas semellantes, erixíndose en xuíces e parte, provocando xuízos paralelos, que tanto dano fan, e sen saber, lóxicamente, cal é a verdade, onde?

E que acaso esta muller presunta, nos guste ou non, vítima, non merece o mesmo apoio que aquelas ás que tanto defenden?

Pero claro, este caso é fariña doutro costal.
Coas institucións temos topado, e nada máis nin nada menos que coas FCSE, e ante iso... silencio total.

A súa "sororidade", o seu "apoio" e o seu particular "feminismo", están gardados a bo recaudo, porque, "feministas", si, pero non kamikazes, e, ademais, non se poden poñer en risco os cartiños que lles proporciona ese sistema que tanto denostan de boquiña para fóra, pero do que cobran puntualmente e grazas ao cal moitas delas viven moi ben.

Pero, iso si, a vindeira semana serán as primeiras en encabezar os actos do 8M e berrar en contra do que elas mesmas están a exercer.
Significativo cando menos, non si?

Din que todo pasa por algo, e queremos pensar que neste caso non vai ser a excepción e que algo positivo vai saír de todo isto, e é que por fin se lle vaia vendo a cada quen a súa verdadeira cara e que quen sae á rúa non só para facer as reivindicacións propias deste día, senón tamén para apoialas a elas, igual o deberían de pensar dúas veces.

Hai moitos xeitos de reivindicar sen ter que ser, necesariamente, cabezas de turco de quen as utiliza sen escrúpulo ningún para acadar os seus fins, sobre todo a aquelas máis novas, que, como é entendible, dada a súa idade, se deixan manipular e influír pola súa verborrea, aparentemente reivindicativa e de loita, pero baleira e totalmente falsa.

Namentres, elas seguen caladiñas, e como se algo non é o seu forte, é a vergoña, continúan exercendo, sen pudor ningún, porque hai que admitir que lles funciona, o seu particular "feminismo" de hoxe si, mañá non, e pasado... depende.

Asociación Si, hai saída