Abonda con que alguén pronuncie, estes días, a palabra "policía", sexa polo motivo que sexa, para que, automaticamente, saia a relucir o caso de actualidade, a acusación ao DAO da Policía Nacional, José Ángel González, de violación lanzada por unha axente veterana, que se atopa en pleno proceso de ascenso a inspectora.
Como sempre dicimos, a prudencia é esencial nestes casos, como é ineludible a presunción de inocencia, se ben é inevitable que este caso levante máis expectación por ser quen son os protagonistas, sobre todo o presunto autor desa agresión.
Evidentemente, descoñecemos o que sucedeu realmente, e, francamente, é moi dubidoso que a verdade chegue a saberse nunca, porque se facemos unha aposta sobre se se vai correr unha cortina de fume en canto a este asunto á maior brevidade posible e que, como moito nuns días será un vago recordo, os que apostan porque así será, gañarán seguro, máxime tendo en conta que, pouco máis que unhas horas despois de estalar o escándalo, o DAO pasou a xubilarse. Moi oportuno, non si?
Non obstante, si hai algúns aspectos que, como meros espectadores, dado que aparecen nos medios de comunicación, son especialmente curiosos e mesmo escandalosos.
Para comezar, o lamentable espectáculo protagonizado por todos os partidos políticos hai uns días á chegada do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ao Congreso, entre apupos duns, aplausos doutros e berros de todos. Absolutamente deleznable.
Por outra banda, este comportamento, por parte daqueles que deberían dar exemplo de obxectividade e coherencia, non fai senón evidenciar a noxenta utilización que os partidos políticos fan da violencia de xénero e das súas vítimas, que non lles importan nin o máis mínimo, á vista está, agás para utilizalas e sacar beneficio delas, máxime cando se trata dun caso tan "xugoso" coma este, por suceder no eido que sucede.
Descoñecemos, por outra banda, como se filtrou este caso aos medios de comunicación, pero non deixa de ser especialmente chamativa e, ao noso entender, escasamente ética a actitude do avogado da muller, que non dubidou en comezar a aparecer nun medio de comunicación tras outro, algo isto que non soamente cremos que prexudicará a súa representada, xa que está a contribuír a converter nun show un delito tan grave como a violencia sexual e soltando "perlas" como as que aluden á presunta existencia duns audios cos que quedaría demostrada a culpabilidade do DAO, audios que, no seo da Policía Nacional, parece ser que ninguén escoitou, desvirtuando, ademais, o tremendamente duro que resulta para calquera muller, policía ou non, dar o paso de denunciar o seu agresor. Xa non digamos cando este pertence a unha institución e, aínda por riba, se atopa na cúpula dela e, para rizar o rizo, formando parte tamén ela desta, estando, porén, baixo o mando del, entrando así nun bucle do que é case imposible saír.
Mención aparte merece o feito de que a substituta en funcións do DAO, Gemma Barroso, decidira poñerlle escolta (que xa lle foi retirada) á axente para protexela. Protexela de que, ou de quen, dos seus propios compañeiros? É consciente esta señora do lugar no que tal medida deixa a Institución? De que ou de quen estamos a falar, da Policía Nacional ou dun niño de sicarios?
Por non falar da tremenda aldraxe e falta de respecto que tal medida implica para tantas e tantas mulleres, vítimas de violencia machista, que se atopan totalmente desprotexidas, aínda existindo unhas medidas que avalen que precisan tal protección, ou, o que é peor, as que xa pagaron, cruel e inxustamente coas súas vidas, o prezo de tal desprotección.
Hai algo máis que non queremos nin debemos pasar por alto. Son moitos os que piden a dimisión do ministro Fernando Grande-Marlaska, a quen acusan de ser coñecedor do que estaba a acontecer e de tapalo.
Non sabemos se é así, pero, o sexa ou non, e recoñecendo neste caso eu, a título persoal, que o Sr. Grande-Marlaska non goza das miñas simpatías e que para min resultou ser unha auténtica fraude, sexamos honestos e admitamos a realidade. Grande-Marlaska é a punta dun iceberg moitísimo máis profundo que este caso. Hai moito, case 12 anos, que desde Si, hai saída o estamos a dicir e a demandar. Á institución policial e, por extensión, aos criterios ou como se lles queira denominar dos que van formar parte das súas filas, habería que darlles a volta coma a un calcetín e reformalos, porque é obvio que os que agora rexen, que son "os de sempre", quedaron totalmente obsoletos, sen ter en conta para nada os cambios da sociedade e, en consecuencia, da súa problemática.
Admitámolo, estamos a falar dunha institución profundamente machista, por máis que se maquille do contrario, na que a muller sae claramente prexudicada, algo que favorece, obviamente, que a violencia de xénero medre e medre, e todos os que estamos a traballar directamente coas vítimas o sabemos ben. Que se queira admitir é outra cuestión, como tamén o é dar por sentado que un policía, por estar na UFAM, condene a violencia de xénero ou mesmo que non a cometa no seu eido privado.
O que está claro é que se trata dun asunto moi feo, pero non o é máis que tantos outros nos que a violencia machista está presente, sexan quen sexan os protagonistas, e que o feito de pertencer a unha institución non implica, necesariamente, ser exemplo de virtude.
Asociación Si, hai saída