Nadal, triste Nadal

25 de diciembre 2025

Carta aberta de Xerardo Torrado Agulla ao xerente da área sanitaria Pontevedra-Salnés, sr. José Flores

Eu antes era incapaz de entender que unha persoa estivera triste en Nadal, a miña nai explicábame que ás veces, nesas datas, un botaba de menos aos seres queridos que xa non estaban fisicamente con nós. Pero foi precisamente ela quen mo mostrou, que o Nadal podería ser motivo de tristura, e fíxoo do xeito máis contundente: precisamente foi ela a persoa que se marchou.

A pesar de que teño dous irmáns, eu era o único que vivía na casa dos meus pais, así que sempre estiven ao seu carón, como confidentes mutuos. Pero xa non está ao meu lado, todo debido a unha neglixencia do SERGAS, que para aforrar cartos e non facerlle unha ecografía que tería localizado o problema, un individuo no hospital Montecelo díxolle que a súa dor no ventre que irradiaba pola perna dereita, eran "gases". Os "gases" eran un trombo na vea porta do fígado e o fígado fixo "boom" e morreu.

A día de hoxe, o SERGAS segue defendendo que todo o protocolo foi o correcto, dá igual que un estudante de primeiro de medicina saiba que os problemas de fígado irradian a dor pola perna dereita. A continuación, para ocultar aquela metedura de pata, inventouse por parte dos comisarios políticos do SERGAS un cancro de fígado ficticio, un cancro moi avanzado.

Dá igual que nas analíticas os marcadores hepáticos de menos de tres meses antes estiveran ben. Unha cirrose convértese en cancro irreversible en vinte anos, e iso se fumas e bebes, algo que a miña naiciña non facía. Despois, decidiron deixala morrer, sendo abandonada polos de HADO, e faleceu tras loitar como unha campioa para non deixarnos, catro meses despois daquela metedura de pata, menos de 24 horas despois de estar ingresada nunhas habitacións roñosas que chaman "paliativos".

Morreu alí tirada, vomitando sangue, ante min, cunha total ausencia de asistencia médica. Dicían que "non había médicos" en todo o Hospital Provincial, e que habería que chamalos a Montecelo, pero chamar non chamaban. Cando, na desidia, a miña nai morreu de madrugada, dixeron que habería que certificar a morte, e entón, en dez minutos, apareceu unha médica (non as chamo doutoras, xa que, moito que lles pese, para ser doutor hai que escribir unha tese e defendela ante un tribunal, e eu sei ben o que é escribir unha tese, a pesar do desprezo que recibo a diario nesta cidade, un deles recentemente na presentación dunha revista local na cal levo quince anos colaborando onde non se me deu a oportunidade de falar do meu artigo). En dez minutos non puido baixar de Montecelo, seguramente estaba de cháchara na salita do café mentres a miña nai agonizaba.

Resulta que os sindicatos conseguiran días libres, pero os tiñan que coller antes do día 31 de marzo, se non os perdían. A miña nai tiña a mala sorte de agonizar a finais do mes de marzo, cando se largaran todos. Xa que é máis honroso tomarse unas cañas nunha terraza que salvar a vida dunha persoa, sobre todo se esa persoa é unha ama de casa que non cotizaba e ademais nai dun disidente intelectual. Por iso, eu nunca irei a unha manifestación polo SERGAS, xa que ao final, aparecen os sindicatos coas súas pancartas, patrimonializan a protesta, e ao final a xente que foi, xa que está farta do mal servizo dado, remata defendendo os privilexios dos responsables, que aplican os protocolos dos comisarios políticos da Xunta a sangue e lume. Agardo que un día todo isto remate nos tribunais, e que, do mesmo xeito que aos criminais de Nuremberg, non lles serva de nada dicir que "cumprían ordes".

Para min, as luces do Nadal son luces de LED, artificiais. A luz para min era a miña naiciña, do Nadal e de todo o ano. Sen ela, está todo escuro. O que para outros é motivo de ledicia, para min o é de tristura. Pasear polas rúas iluminadas é para min motivo de tristura, sabendo que a miña nai non está na cafetería de sempre coas súas amigas. Eu pasaba por diante e a saudaba axitando a man, e ela, correspondendo ao saúdo, sorríame. A miña nai era a persoa que máis quería, detrás daqueles fermosos ollos verdes estaba a persoa máis boa e cariñosa que coñecín. Sempre comigo, abrazándome, cando nas noites insomnes polo acúfeno disparado retorcíame de sufrimento no meu leito. Un sufrimento que pode ter fin cunha operación de menos de dúas horas, pero que o SERGAS alegando falacias négase a facerme, dime que non ten solución, que teño que aguantarme. E iso é falso, para saber se un acúfeno ten solución ou se a solución aínda non se coñece, hai que determinar a súa causa. Eu ignoro a causa, xa que o acúfeno é anterior á lesión, de feito lesioneime ao botar unhas gotas buscando alivio.

Sospeito que é algo da mandíbula, de feito agora o acúfeno comeza no lado contrario, e sinto como que a cabeza treme cunha presión insostible nos dous oídos. Fun derivado en dúas ocasións ao maxilofacial do SERGAS en Santiago, tras protestar, xa que dende estomatoloxía non querían derivarme e me enganaban dicindo que tiña a cita pedida cando era falso: en Santiago non tiñan constancia de nada. Pero o maxilofacial non me fai seguimento nin nada. Ese problema na mandíbula ten solución, igual que a lesión no tímpano. Pero eu, como a miña nai, non cotizo. Nos informes médicos, encabezando pon se o paciente cotiza ou non, isto é un escándalo, non tiñan que saber os facultativos iso. Pero o saben, de feito atenden a un ou non dependendo de se cotiza ou non, é un protocolo que teñen.

O meu provoca moita dor, pero non mata, se non, estaría morto. O da miña nai é distinto, era un trombo, tiveron que atendela de inmediato e tras sete horas en urxencias non lle fixeron ningunha proba salvo palpala e analíticas de catro patacóns e un incompetente de bata branca díxolle que eran "gases" e que non facía falla facer unha ecografía. Tardaron máis de dez días para a primeira proba, e xa era tarde, o seu fígado reventara. Ese individuo tería que estar en prisión, por homicidio, pero conta co apoio do xerente sanitario de Pontevedra-Salnés e da cúpula do SERGAS.

A día de hoxe, non recibín explicacións do SERGAS, só insultos e respostas xeradas por IA, non hai ninguén ao outro lado que lea as reclamacións, ou iso ou son psicópatas. E eu non cotizo por non ser un vago, non cotizo por ter traballado coma bolseiro e por non acceder a un traballo polo sistema caciquil a pesar do meu expediente.

Estou aberto a que me demostren que todo isto que asevero é falso, pedíndome desculpas e operándome en cuestións de semanas. Se non, todo é certo. E señor xerente de área, non me vale unha carta, quero as desculpas en persoa. Feliz Nadal.