Nin manipulación nin deshonestidade

26 de junio 2026

Un xa perdeu a conta das veces nas que o PP, en distintos eidos, rexeitou sen contemplacións o recoñecemento institucional de Castelao e Bóveda. Non é preciso retrotraérmonos demasiado, baste con citar algúns —algúns só— "gloriosos" feitos de non hai tanto:

  • Oposición ao recoñecemento de Castelao como primeiro Presidente da Galiza (2025).
  • Oposición á iniciativa lexislativa popular, con miles de sinaturas, co propósito de garantir a catalogación e difusión da obra de Castelao (2026).
  • Oposición —xa constante— á declaración institucional do Día da Galiza Mártir (2026).

Obsérvese que non acudimos nin aos proxenitores ideolóxicos franquistas —nin nomeadamente os "sete magníficos" que se acomodaron naquela "alianza" previa ao PP—, nin se nos fai preciso evidenciar o cordón umbilical que os conecta coa ditadura para explicarmos as bases do seu actual proceder, aspecto xa ben tratado e estudado pola historiografía e avalado polas actitudes políticas. Mais as breves mostras sinaladas de vetos e obstaculizacións a todo o que represente dignidade de Galiza, loita por un porvir mellor, etc., revelan non só unha obvia política de rexeitamento senón, consubstancialmente, a posta en escena do fariseísmo, a utilización ensuciada e fraudulenta, mesmo a indecencia, das figuras, obras e significado destes dous referentes primordiais do nacionalismo galego: Daniel Castelao e Alexandre Bóveda.

Non semella o PP perderse ocasión en querer descontextualizar, en tratar de distorsionar, en pretender con notorio impudor exhibir bólas e graves adulteracións da nosa realidade, ao seu cativo servizo. Hai incontábeis —e lamentábeis— exemplos disto, aínda que o que está a suceder coa mostra de A derradeira leición do mestre é, desgrazadamente, moi ilustrativo. Lembremos que xa houbera por parte do presidente da Xunta, Rueda, ou dalgúns conselleiros, intentos de terxiversación do seu sentido e valor, cando se expuxera na Cidade da Cultura. Agora, este mesmo cadro de Castelao, dunha dimensión política, histórica e simbólica recoñecida, que vai ser exposto temporalmente no Museo de Pontevedra, vese ignominiosamente tratado, non obviamente polo cadro directivo e técnico do Museo, de profesionalidade contrastada, mais si polos "comentarios" totalmente errados e fóra de lugar do responsábel político, Rafael Domínguez, quen sen rubor nin rigor leva feito unhas declaracións moi desafortunadas, moi penosas: confunde emigración e exilio, queda tan pancho ao pontificar que "Castelao é de todos", e así nese plan..., que a obra é "emocionante", etcétera, etcétera.

A estas alturas, afortunadamente, sabemos que hai tentativas que resultan vas. Non por si, senón pola propia dinámica da historia. O labor de comprensión ou intelección do que significa Castelao e Bóveda para nós, obxectivamente, na práctica, na definición, levado a cabo con esforzo e coherencia desde o marco político-ideolóxico que contribuíron decisivamente a poñer en marcha non pode nin ignorarse nin despacharse tan ridiculamente, tan irresponsabelmente. Quen comprendemos e asumimos a leición de Castelao, quen somos conscientes do que Bóveda representa, quen continuamos aquí e agora a andaina a prol dunha Galiza libre, non podemos consentir tamaña manipulación nin tanta deshonestidade.

Xosé Abilleira Sanmartín
Presidente da Asociación Cultural Maio Longo de Pontevedra