Sandra, unha vítima máis dos "Días D"

20 de octubre 2025

"Porque os “Días D” tamén poden axudar a matar", indica Marta Rodríguez Engroba nesta columna de opinión sobre un caso de acoso escolar

Hoxe vou saír un pouco do meu eido habitual, a violencia de xénero, porque, tristemente, unha tráxica historia, a de Sandra, está a encollerme o corazón, a facerme sentir dor, impotencia, carraxe, e a traerme á memoria recordos que poden soar triviais, pero que, malia o tempo transcorrido, aínda lembro con total nitidez e que marcaron parte da miña vida.

Quen non escoitou falar de Sandra estes días? 14 anos, e toda unha vida por diante, unha vida coa que decidiu rematar despois dun ano de acoso escolar ao que non se quixo poñer remedio, malia que ela pediu axuda, o mesmo que a súa familia, chegando mesmo a denunciar os feitos en dúas ocasións, e malia que existe un protocolo nos centros de ensino para casos coma o seu, pero que en ningún momento se activou, como tamén adoita suceder. Porque se de algo temos en abundancia neste país noso son protocolos e "Días D".

Os primeiros, agás rarísimas excepcións, adoitan ser papel mollado, xa que case nunca chegan a activarse, tanto ten que falemos de acoso escolar como de violencia de xénero, por poñer dous exemplos, mentres que os segundos, os "Días D", para o único que serven é para o postureo, para o lucimento daqueles que os promoven, e para que poidan manter os seus postos e os seus petos ben cheos á custa da dor dos demais, así de claro, porque aínda nunca vimos que se traduciran en traballo real e porén, menos aínda en resultados.

Por iso mesmo me viñeron á cabeza algúns recordos, porque, malia que se pretenda finxir o contrario, seguimos ancorados no pasado, polo menos en determinados eidos crueis, moi crueis.

Eu, que xa teño uns cantos anos, estudei en dous colexios de monxas. No primeiro deles, ata o cambio da famosa EGB, mirade se pasaron anos!, todo transcorreu sen pena nin gloria, coas súas "cousiñas", como é de supoñer, dado que era, como digo, un colexio de monxas e naqueles anos, pero sen maior problema.

Pero cando cumprín 10 anos, tiven que cambiar de centro por mor da famosa lei da EGB, como xa dixen, tamén relixioso, e aí comezou o meu particular inferno. Eu sempre tiven o cabelo louro, moi louro, e os ollos azuis. Nacín así, que lle vou facer! Pois ben, desde o primeiro día no que crucei a porta dese novo colexio comezou o meu martirio, abandeirado por unha das reverendas "madres", como nos obrigaban a chamalas, que non deixou de ridiculizarme nin un só día pola cor do meu cabelo, acompañada dun "mantra" que repetía constantemente, "dile a tu madre que no te tiña el pelo" e, normalmente, acompañado dunha labazada na cabeza, non suave, precisamente, e, a miúdo, tamén, co castigo de copiar ata mil veces "no me voy a teñir el pelo". Tanto tiña que eu tentase explicarlle que eu era así, que non existía tal tintura, e de obter algún resultado, este era sempre unha nova labazada, máis forte aínda que a primeira, coa que me recordaba que ser loura non era o meu único delito, senón que tamén "cometera" o de ser filla única, polo que estaba moi mimada e era tonta perdida. Non sei o segundo, o de tonta, pode ser. De feito, ás veces chego á conclusión de que aínda o son, pero o primeiro, o de mimada, sempre me caeu a min noutro planeta. Xa me gustaría telo sido en non poucas ocasións, pero nunca foi o caso.

Naturalmente, todo isto era moi celebrado por moitas das miñas compañeiras que rían a "gracia" da "madre", e non dubidaban en secundala, supoño que, polo menos nalgún caso, por pura supervivencia.

Nunca lles contei nada aos meus pais, porque se algo tiña claro era que, se o facía e ían ao colexio a pedirlle contas á monxa en cuestión, como sería o lóxico, a miña situación non ía senón empeorar, por non mencionar que aínda podería estar agardando a día de hoxe o aprobado na súa materia.

Podo asegurar que, por moi ridículo que poida soar, foi moito o que sufrín, calada, desexando non ter que ir ao colexio, durante 5 anos que estudei nese centro, e que, aínda hoxe, tantas e tantas décadas despois, lembro con verdadeira dor. Cheguei, no seu momento, a estar verdadeiramente acomplexada pola cor do meu cabelo, e, de feito, os pousos sempre quedaron aí, dentro de min, e hoxe é o día no que non me agradan as alusións ao meu físico, nin para ben nin para mal.

Por que conto agora todo isto? Porque casos tan tráxicos como o de Sandra deixan claro que non se avanzou en absoluto, máis ben ao contrario, xa que os máis novos non fan senón reproducir o comportamento dos adultos, pese a quen pese, e hai xa moito que a nosa sociedade semella non saber expresarse doutro xeito que non sexa á base de insultos e faltas de respecto, que agora, ademais, contan cun excelente caldo de cultivo nas redes sociais.

Por outra banda, o papel dos centros de ensino, obviamente fundamentais ante situacións semellantes, é, en non poucas ocasións, algo máis que cuestionable, e, en máis dun, agardan ansiosos a que o acoso se produza aínda que sexa un só centímetro máis aló da súa porta para poder alegar que o que suceda fóra non é cousa súa. E que quede moi claro que non os meto a todos no mesmo saco, pero que isto sucede, é algo constatado.

A única diferenza co que eu sufrín? Que, na miña época, non había protocolos nin moito menos "Días D", eses días nos que todo o mundo que é "alguén" devece por deixarse ver, por poder estar na cabeceira das manifestacións, por saír nas fotos, e por contarlles aos medios de comunicación o implicados que están. Eses "Días D" que lavan conciencias e que axudan a matar, porque con eles se xustifica a inacción, a omisión de axuda, de socorro, eses "Días D" que, en non poucos casos, se converten en cómplices coa súa apariencia de compromiso, de implicación, e, reitero, a matar. Como a Sandra, como a todos e a todas cantos a precederon e, por desgraza, seguirán.

Por todo isto, Sandra foi, é, unha vítima máis non soamente das súas acosadoras e de cantos sabendo, calaron, senón dos malditos e inútiles "Días D".

A nosa lembranza para ti, Sandra, alá onde esteas, e todo o noso agarimo para os que hoxe choran a túa perda.

Asociación Si, hai saída