Este 17 de outubro cúmprense 175 anos do nacemento de Pablo Iglesias Posse, un neno galego que, como tantos outros, se viu obrigado a emigrar para intentar saír da miseria á que os abocaba un sistema caciquil que mantiña a Galicia nunha absoluta pobreza e atraso, e a perda do pai. Un rapaz que se forxou nun hospicio de pobres de Madrid, aprendendo o oficio de tipógrafo entre abusos laborais, e formándose de xeito autodidacta. Estas vivencias moldearon ó líder obreiro que dirixiría o, hoxe, partido máis antigo de España, sempre preocupado por acabar co traballo infantil que el sufrira en carne propia e regular o traballo feminino, sabedor dos padecementos da súa nai.
Consciente da importancia de promover a unión dos traballadores para enfrontarse ó poder político, cun partido (PSOE), e ó poder económico, cun sindicato (UGT), para transformar a realidade da clase obreira e difundir a súa mensaxe creou un xornal, El Socialista, que aínda perdura, e realizou numerosas xiras por España, polo que chegaron a coñecelo como o apóstolo do socialismo. É precisamente exercendo este apostolado, cando recala en Pontevedra por primeira vez, o 8 de setembro de 1896, procedente de Santiago. Na estación de tren o esperaban numerosos e entusiastas seguidores e expectantes pontevedreses, como se foxe unha estrela de rock da actualidade, que o acompañaron ata a pensión onde se aloxou.
Pola tarde deu o seu primeiro mitin na localidade, no Teatro Principal (no que un ano despois se faría a primeira exhibición de cine na cidade), cedido polo señor Becerra Armesto. Estaba completamente abarrotado, polo que moitos asistentes tiveron que quedarse nos arredores do edificio. Abriu o acto Enrique Heraclio Botana, acompañado por membros do "Consejo Local de Trabajadores" quen lle deu paso a Iglesias, que se presentou como "un obrero convencido, que vengo a enseñar a mis compañeros lo que sé". E o que coñecía era a loita de clases, como o desenvolvemento do capitalismo estaba provocando unha resposta social e levando a pequenos propietarios e homes de ciencia cara a un socialismo que estaba crecendo en Europa. "No queremos verter sangre, deseamos la evolución", advertiu para afastar a imaxe de ameaza coa que adoitaban retratalo os medios burgueses, como "La Unión" de Pontevedra, que criticou o discurso dun Iglesias que aseguraba que só querían chegar ós municipios, deputacións e parlamentos para facer as reformas necesarias.
A súa intervención rematou solicitándolles aos traballadores que se organizaran, algo que non tardaría en ocorrer, como xa anuncia "El Socialista" o 18 de setembro: "El entusiasmo que han despertado entre los obreros las reuniones en que ha tomado parte Iglesias hacen presagiar que Pontevedra contará pronto con una Agrupación numerosa".
Antes de abandonar a cidade do Lérez, Iglesias deu un mitin no Centro Republicano (posteriormente sede do Banco de España na cidade), cun carácter máis económico. Pero a semente xa estaba plantada, froito de diversas reunións con dirixentes obreiros pontevedreses como Freigeiro ou Botana, en quen Pablo Iglesias viu á persoa coa capacidade de liderar o movemento obreiro en Vigo (o que faría uns anos despois, trasladándose á cidade olívica). De tal xeito que o 20 de outubro de 1896 se constitúe a Agrupación Socialista de Pontevedra. O seu primeiro comité quedou composto por: Fernando Freigeiro (presidente), Castor Rea (vicepresidente), Víctor Panivino (contador), Ricardo Vázquez (tesoureiro), Vicente Vidal (secretario), Leandro Aboal (vicesecretario), Felipe Arribas, Ángel de la Torre, Antonio Caramés, Juan Seráns e Germán Rodríguez (vocais); os cales prometeron "trabajar incansablemente por traer a las filas del Partido Socialista el mayor número de explotados", como se intúe pola aparición de novas sociedades obreiras nos seguintes meses, froito das conferencias que a Agrupación desenvolveu dando a coñecer o programa socialista por parroquias e lugares do concello e da comarca. A correspondencia recibíase na Calle del Arco, 6, dirixida a Vicente Vidal, que fora elixido secretario probablemente por ser un autodidacta autor de obras de teatro e poemas, o que lle confería uns coñecementos para a práctica administrativa.
En xaneiro de 1897, Freigeiro viuse na necesidade de emigrar a Brasil, pasando a ser presidente Francisco López. A marcha de Fernando Freigeiro foi moi sentida, xa que fora un dos principais impulsores das sociedades de resistencia existentes en Pontevedra e o seu contorno, destacándose polo seu liderado na célebre folga sostida polos canteiros contra o burgués Corbal, o que o levou a visitar a cadea, e por ser quen máis traballou, trala visita de Iglesias, por crear a Agrupación Socialista de Pontevedra, que este ano cumpre 129 anos de existencia.
