Estimado Sr. Vázquez:
Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero de Lugo, e no nome de todo o equipo que a integramos, en relación coas declaracións feitas a diversos medios de comunicación polo concelleiro Miguel Ángel García Fariñas, que máis abaixo reproducimos literalmente, en relación co asasinato machista cometido no seu Concello, que lle custou a vida a Josefa, acoitelada, presuntamente, polo seu marido, e de cuxa familia di ser voceiro, pasamos a expoñer o seguinte:
As declaracións vertidas polo Sr. García Fariñas son, á vista está, gravísimas.
Nelas, traslada a responsabilidade do seu asasinato á propia vítima, Josefa, alegando que nunca quixo denunciar o seu marido, demostrando así non ter nin a máis mínima empatía con ela, cero sensibilidade e nin a máis mínima humanidade, así como un total descoñecemento en materia de violencia de xénero, xa que de todos debería ser sabido, en pleno ano 2025, que son moitas as causas que impiden a unha muller maltratada denunciar ao seu agresor: desde a súa dificultade para recoñecerse como tal, pasando polo medo, a vergoña, a incomprensión por parte da súa contorna, a falta de recursos, etc., sendo aínda isto máis notable en mulleres dunha idade avanzada coma a de Josefa, como é lóxico e doado de entender.
Por se isto non abondara, non dubida en xustificar ao asasino alegando, citamos textualmente, "estaba bebido", coma se esa circunstancia lle outorgara patente de corso para matar.
Non hai, por outra banda, verbas para definir o seu comentario acerca de rir as grazas na taberna aos alcohólicos, porque non pode ser máis desafortunado e, desculpe a expresión, noxento.
E así chegamos ao máis grave de todo.
O Sr. García Fariñas recoñece publicamente, diante de cámaras e micrófonos, que tanto el como a contorna de Josefa tiñan constancia do inferno que estaba a vivir, malia o cal ninguén fixo absolutamente nada, ninguén denunciou, facilitando así a comisión dun crime que tal vez se podería ter evitado.
Non dubida, aínda por riba, en lamentarse de que agora todos eles teñen cargo de conciencia, cando, grazas ao seu encubrimento, o que non ten Josefa é vida. Así de tráxico e así de sinxelo.
Dito doutro xeito, o Sr. García Fariñas está a admitir publicamente un delito de omisión de socorro, tanto pola súa parte coma pola do resto da contorna da vítima, o que os converte, por ende, en cómplices do executor material do crime, polo cal deberían ser denunciados e xulgados.
Por todo isto, desde a Asociación Si, hai saída, instamos ao Sr. García Fariñas a que pida desculpas publicamente por todos os desatinos manifestados, e no que atinxe ao Concello do Bolo, e dado o cargo público que este señor desempeña, que se tomen as medidas oportunas, as cales, entendemos, deberían mesmo contemplar un posible cesamento nas súas funcións como concelleiro, dada a gravidade dos feitos.
É de todo punto inadmisible que un cargo público, ante unha lacra tan letal e tan grave como é a violencia de xénero, que tantas vidas está a cobrar, e non soamente de mulleres senón tamén de nenas e nenos, se exprese dun xeito tan repulsivo, e, o peor de todo, que as súas verbas reflictan o seu pensamento e o de cantos, sabendo, calaron, colaborando así ao tráxico desenlace que todos coñecemos, por non falar da súa hipocrisía participando no minuto de silencio.
Por todo isto, desde a Asociación Si, hai saída, agardamos que este escrito sexa tido en conta e que, por suposto, se tomen as medidas pertinentes.
Soamente así, actuando de xeito real e efectivo, poderemos dicir que estamos a loitar contra a violencia de xénero, especialmente desde o eido institucional que, se supón, tería que predicar co exemplo e ser coherente co que manifesta, e que a loita contra a violencia de xénero non é para este unha ferramenta política máis que se utiliza cando interesa.
Non esquezamos que estamos a falar de vidas.
DECLARACIÓNS DO SR. GARCÍA FARIÑAS: "El teniente de alcalde de O Bolo (Ourense) y sobrino de la mujer presuntamente asesinada por su marido este domingo, Miguel Ángel García Fariñas, ha lamentado que ella nunca denunció, y ha hecho hincapié en que 'cuando la gente tenga conocimiento de estas historias, hay que denunciar'.
'Ella nunca quiso denunciar, la familia está consternada porque nadie espera que esto pueda pasarte, ahora tenemos cargo de conciencia pensando si podíamos haber hecho algo', ha esgrimido este lunes el sobrino y portavoz de la familia. Según ha trasladado a preguntas de los medios, el detenido 'estaba bebido' cuando comenzó a discutir con la víctima y la apuñaló, presuntamente, con un arma blanca. En este sentido, ha confirmado que en ocasiones anteriores el detenido ya se había mostrado agresivo. 'Me gustaría decir que cuando una persona es alcohólica y va a los bares, por favor que no le rían las gracias ni se hagan comentarios como "cuando llegues a casa a ver la mujer...", porque todo influye para que acaben pasando estas cosas', ha aseverado."