As asociacións galegas de memoria histórica, reunidas na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) conxuntamente co apoio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), denunciamos publicamente o veto e a censura da Deputación de Pontevedra a catro recoñecidas investigadoras como son Montse Fajardo, Mercedes Queixas, María Xesús López Escudeiro e Elsa Quintas, que foron excluidas do programa “Aquí faltan páxinas” do departamento de Igualdade da Deputación por motivos partidistas, como represalia pola súa participación nas listas do BNG ou polo seu apoio á candidatura de Ana Pontón.
Estas catro prestixiosas investigadoras estaban propostas para participar no programa “Aquí faltan páxinas” do departamento de Igualdade, unha iniciativa posta en marcha polo anterior goberno da Deputación e que tiña previsto desenvolver unha nova edición nos vindeiros meses.
Montse Fajardo estaba proposta como biógrafa de Virxinia Pereira, Elsa Quintas como autora da biografía de Placeres Castellanos, Mercedes Queixas como biógrafa de Carmen Krukenberg e María Xesús López Escudeiro polo seu labor de investigación e divulgación sobre mulleres represaliadas.
Ao día seguinte das eleccións do 18 de febreiro, as catro foron vetadas do proxecto por motivos sectarios, nunha clara represalia política despois da súa participación nas listas do BNG no caso de Mercedes Queixas e Elsa Quintas, ou do apoio á candidatura do BNG no caso de López Escudeiro e Fajardo.
Desde as asociacións de memoria histórica e a AELG non podemos permanecer en silencio diante deste escandaloso caso de listas negras do PP, que utiliza as institucións para censurar por razóns ideolóxicas a profesionais de recoñecido prestixio.
Estamos diante dun grave atentado democrático, en canto ataque contra o pluralismo ideolóxico, e dun caso de censura que pretende sinalar e amedrentar a sociedade para que non exprese libremente as súas ideas. Aínda que non sexa por desgraza un fenómeno novo, porque sabemos que o PP o utiliza a cotío como método de control social e político, non por iso imos deixar de denuncialo en todos os ámbitos. E por iso queremos dirixirnos ás entidades sociais, culturais e académicas galegas para que manifesten o rexeitamento deste tipo de prácticas sectarias e antidemocráticas.
Finalmente, queremos recoñecer o compromiso coa memoria e co feminismo de Montse Fajardo, Mercedes Queixas, Elsa Quintas e María Xesús López Escudeiro, e agradecer a súa coherencia e a súa coraxe para denunciar este abuso de poder por parte do goberno do PP na Deputación de Pontevedra.
Listas negras Nunca Máis!