Tralo coñecemento de que na tarde deste domingo se produciu unha agresión de carácter homófobo na cidade da Vilagarcía de Arousa. Un grupo de mozos agrediron a outro, polo mero feito de ser gai. Ademais de escoitar insultos, este rapaz tamén recibiu unha malleira.
Dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova da comarca do Salnés queremos mostrar a nosa máis enérxica repulsa por este acto e tamén mostrar a nosa solidariedade co mozo agredido.
Nunha sociedade dominada polo heteropatriarcado, a violencia LGTBIfóbica aínda goza de certa impunidade, chegando a ser o delito de odio máis frecuente no Estado español.
O feito de ser trans, gai ou ser muller mantennos nunha tensión continua en situacións tan correntes coma camiñar tranquilamente pola rúa. A ausencia dunha lexislación que identifique estes tipos de violencia e impoña sancións específicas, fai que a situación se agrave e que a inmensa maioría destes delitos queden impunes ou mesmo sen denunciar, xa que a vítima en moitos casos vese totalmente desamparada ante a lei.
Dende Galiza Nova unha vez máis condenamos enerxicamente a LGTBifobia e a súa violencia, e por extensión opoñémonos a todas as formas de violencia mediante as cales o sistema heteropatriarcal nos oprime. Por iso reiteramos a nosa implicación e fondo compromiso coa loita polos dereitos de identidade de xénero e de
liberdades sexuais.