Non aceptamos rebaixas coa ambulancia concedida

A Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública rexeita que a ambulancia concedida para o centro de saúde preste servizo só de 12 horas e esixe que se manteña o compromiso das 24 horas

Nos primeiros días do mes de marzo, a Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública coñecía a información da concesión dunha ambulancia para o centro de saúde cerdedense.

O día 9 do mesmo mes reuníronse varios membros da Plataforma co señor alcalde de Cerdedo-Cotobade para confirmar esta información e alegrarse do froito das diferentes formas de presión realizadas por todos os grupos políticos da corporación. Ese día comunicóusenos que o servizo da ambulancia sería de 24 horas, como nós demandabamos.

Recentemente, estamos escoitando comentarios de que a devandita ambulancia, moi necesaria para unha área como a Terra de Montes e arredores, podería ser tan só de 12 horas, é dicir, media xornada.

Desde Cerdedo pola Sanidade Pública queremos manifestar o noso malestar e a nosa oposición a semellante proposta, que consideramos un engano e unha redución máis dos orzamentos tan necesarios na sanidade pública.

Nos vindeiros días imos entrevistarnos co señor alcalde para que tamén manifeste o seu desacordo diante do SERGAS e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para que manteñan a súa palabra dunha ambulancia de 24 h.

Non descartamos a posibilidade de organizar diversas accións de protesta como recollida de sinaturas, concentracións ou calquera outra que propoñan os membros da nosa Plataforma.