Nos primeiros días do mes de marzo, a Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública coñecía a información da concesión dunha ambulancia para o centro de saúde cerdedense.
O día 9 do mesmo mes reuníronse varios membros da Plataforma co señor alcalde de Cerdedo-Cotobade para confirmar esta información e alegrarse do froito das diferentes formas de presión realizadas por todos os grupos políticos da corporación. Ese día comunicóusenos que o servizo da ambulancia sería de 24 horas, como nós demandabamos.
Recentemente, estamos escoitando comentarios de que a devandita ambulancia, moi necesaria para unha área como a Terra de Montes e arredores, podería ser tan só de 12 horas, é dicir, media xornada.
Desde Cerdedo pola Sanidade Pública queremos manifestar o noso malestar e a nosa oposición a semellante proposta, que consideramos un engano e unha redución máis dos orzamentos tan necesarios na sanidade pública.
Nos vindeiros días imos entrevistarnos co señor alcalde para que tamén manifeste o seu desacordo diante do SERGAS e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para que manteñan a súa palabra dunha ambulancia de 24 h.
Non descartamos a posibilidade de organizar diversas accións de protesta como recollida de sinaturas, concentracións ou calquera outra que propoñan os membros da nosa Plataforma.