Os veciños de Lourizán decidiron este domingo en Asemblea que defenderán unha postura de oposición ao proxecto da Xunta do novo emisario, en fase de exposición pública.
Os motivos do rexeitamento a este proxecto son que supón unha ampliación encuberta e constitúe ademais "a primeira pedra da ampliación".
Hai que sinalar que a canalización en si está dimensionada como indica o anteproxecto para a "EDAR común dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e parte de Vilaboa", para un horizonte de varias décadas. É dicir, este emisario só se xustifica coa ampliación da depuradora dos Praceres, para que Pontevedra siga a centralizar o saneamento destes concellos.
Pero, ademais, o proxecto inclúe a construción da Cámara de carga e da Estación de bombeo que supoñen unha ampliación real de 1300 m2 a tan só 28 m do mar. Iso si, rodeadas por unhas árbores. Para os veciños os problemas son 2: por unha banda, que esta ampliación só se xustifica para despois levar a cabo o proxecto de ampliación da depuradora, porque de non realizarse a polémica ampliación da depuradora non sería necesario aumentar nin un só metro a superficie da EDAR actual. E por outra banda, que supón a construción de edificios de ata 7 m de altura, polo que o impacto visual é moi elevado, malia que o anteproxecto o define como "leve". Dáse a circunstancia de que obstaculizaría a única zona da fachada onde aínda se pode ver o mar nos Praceres. Cabe recordar, que, ironicamente, Os Praceres foi no pasado un tómbolo, unha lingua de area que unía O Cabo co resto da parroquia.
Os veciños farán as oportunas alegacións, pero non teñen a máis mínima esperanza de conseguir seren escoitados por esta vía, pois acaba converténdose nun mero trámite. Por iso solicitarán o apoio dos partidos políticos neste asunto, despois de que aprobaran na declaración institucional que se esixirá "das administracións competentes a exclusión do Plan de Saneamento da ría de calquera proposta que contemple a indicada ampliación". Para os veciños, esta declaración pode aplicarse perfectamente ao proxecto do emisario, xa que se trata dunha ampliación encuberta, por iso é "unha boa oportunidade para saber quen apoiou a declaración para quedar ben e quen ten un compromiso sincero co aprobado no Pleno".
Na reunión co Alcalde, aínda por concretar, os veciños aproveitarán para preguntarlle polas alegacións que xa presentou o Concello e polas medidas que vai tomar para frear este proxecto, considerando que previsiblemente a Xunta vai seguir adiante.
Os veciños teñen previsto iniciar contactos con outras voces que se escoitaron nos últimos días contra o novo emisario e que demostran que a Xunta está a facer as cousas mal.
Plataforma Veciñal de Lourizán