O domingo 5 de xullo de 2026, ás doce do día, as campás da parroquial de San Xoán volverán dobrar polos heroes e polos mártires que, hai 90 anos, se significaron na defensa da II República. O domingo 5 de xullo, o Colectivo Capitán Gosende procederá á inauguración da XIV lauda no seu memorial do Campo das Laudas (As Raposeiras-Meilide). Dende o ano 2016, sen interrupción, os de Capitán Gosende, "with a great help from our friends", vimos construíndo naquela herbeira, pedra a pedra, unha homenaxe perdurábel ás vítimas do xenocidio fascista en Cerdedo.
Froito do empeño popular, refractario a subvencións e sinecuras, o Campo das Laudas medra sen atranco e, ao tempo, consolídase como un dos lugares máis visitados e fotografados da comarca, xunto con Portalén ou a aldea vella de Vichocuntín. Tiren vostedes as súas propias conclusións.
O Campo das Laudas é unha mostra de admiración e respecto cara ás cerdedesas e cerdedeses que, naquel aciago xullo do 36, non dubidaron en aliñarse coa legalidade resistente e oporse ao alzamento militar que nos acabou condenando a unha guerra civil e a corenta anos de ditadura. A resultas da súa ousadía e comportamento exemplar, os valedores da soberanía popular pagaron coa morte ou padeceron tormento e aldraxe. Fronte aos compracentes que pregoan non meter o dedo na chaga, nós esiximos curar de vez esta ferida a por de acordanza perdurábel, recoñecemento e reparación. Aos neofascistas doentes e redivivos só lles recomendamos uns emplastos de sentido común e lectura comprensiva.

A semellanza dos que, naquelas datas oprobiosas, mantiveron aceso o facho da dignidade, posicionados no lugar correcto da historia, o día 5 de xullo volveremos exhibir oufanos o noso compromiso inquebrantábel coa defensa da democracia, do laicismo, da xustiza xusta, dos servizos públicos e dos dereitos sociais, nun concello carecente de alternancia política dende hai nove décadas –a longa noite de pedra máis longa– e gobernado por quen, en nostálxica conivencia, se nega a cumprir a Lei de Memoria Democrática.
O domingo 5 de xullo, convocados ás 11:30 h na aldea das Raposeiras, o libérrimo voluntariado puxará leira arriba polo monólito esculpido na memoria e honra das mulleres Otilia Fernández Ovelleiro e Manuela García Castro, veciñas da parroquia de Quireza, labregas, militantes republicanas, maltratadas con saña polos golpistas, amedrentadas, humilladas, denigradas e, cando a vida se volve un imposíbel, empurradas á emigración sen retorno. Eis outro exemplo das diferentes "mortes" sufridas polos republicanos antifascistas (asasinato, asasinato tras xuízo farsa, encarceramento, tortura, coerción económica, incautación de bens, inhabilitación, ostracismo, persecución, agocho, exilio, emigración...) das que o Campo das Laudas se ofrece como explícita aula de interpretación.
Tras o golpe de Estado de xullo do 36, Otilia e Manuela, Manuela e Otilia foron obxecto de malleiras, intimidacións, vexames e infamias; foron rapadas; víronse obrigadas a emigrar sen posibilidade de regreso, morrendo lonxe da súa terra e da terra dos seus devanceiros.
Os seus nomes e apelidos e as súas vicisitudes non caeron no esquecemento, chegaron a nós. Así e todo, só posuímos –polo momento– dúas fotografías dunha delas. A foto carné de Otilia Fernández obtívose da "Ficha consular de qualificação" expedida en Vigo polo consulado do Brasil o 10 de decembro de 1940, país ao que marchou na compaña dos seus fillos menores. A segunda das fotografías –posado familiar– tirámola do arquivo da Memoria que custodia a web Tabeirós-Montes, repositorio cultural da comarca xestionado polo historiador Xoán Carlos Garrido. Se entre os lectores deste artigo se atopar alguén con posibilidades de enviarnos calquera outro testemuño fotográfico de Manuela García (ou de Otilia), agradeceriámoslle a achega.
A décimo cuarta lauda, coma as precedentes, farase realidade grazas á xenerosidade, sensibilidade e mestría do vuxa arghina Marcos Escudero, avantaxado escultor natural de Mos, comprometido dende o comezo co Proxecto Campo das Laudas. Queremos salientar que das trece laudas fincadas até o momento na veiga da Fontedorraca, doce corresponden a vítimas cerdedesas do fascismo (22 persoas lembradas) e unha, ao chorado Juan Soto (falecido o 7 de xaneiro de 2015), membro do Colectivo Capitán Gosende e estreito colaborador no desenvolvemento deste e doutros proxectos: "Facer é o mellor xeito de dicir". Sempre con nós, meu compañeiro!!
Co gallo da inauguración da XIV lauda, farán acto de presenza, entre outras moitas amizades, o escritor David Otero, o músico Mero Iglesias e o historiador Pepe Álvarez, recoñecidos intelectuais involucrados na ardua tarefa de outorgarlles voz aos silenciados, apontoar a verdade histórica e promover a cultura de noso mercé ao seu labor investigador e reivindicativo. Por estas e por outras moitas razóns, todos tres foron merecentes do Salvocunduto de Honra do Capitán Gosende (anos 2023 e 2025, respectivamente). A poeta Luz Fandiño (Salvoconduto de Honra, 2017), falecida en 2024, tamén tomará parte na celebración, reencarnada nalgunha das potencias naturais que tanto estimaba: ora miñato, ora súbito refoleo, ora nube figurativa... As intervencións musicais do gaiteiro Xoán López ("Saúdo", "Ofrenda" e "Despedida") conducirán o evento.
Otilia Fernández Ovelleiro

Otilia Fernández Ovelleiro, labrega, naceu o 18 de febreiro de 1906 no lugar de Fondós (Quireza). Otilia era filla de Xosé Fernández Escudero e Xosefa Ovelleiro García, pais tamén de Vicente, Antonio e Davide Fernández Ovelleiro. Davide, mestre no Serrapio-Pedre (cando menos, dende 1933), foi depurado polas autoridades franquistas en 1936.
Antes de consolidarse na escola do Serrapio, Davide Fernández exercera o maxisterio na escola de Carantoña (Miño, 1926), Bardaos (San Sadurniño, 1928) e Matalobos (A Estrada, 1931). Davide Fernández acadaría o soldo das 4.000 pesetas anuais en novembro de 1935. Tras o golpe de Estado foi suspendido de emprego e soldo. A finais de 1936 ingresará en Falange. En setembro de 1938, a Comisión Depuradora levántalle a suspensión e repono na escola do Serrapio. Asumindo a nova orde imposta, un mes despois, en plena Guerra Civil, Davide Fernández renunciaría ao soldo de mestre para percibir os emolumentos que lle correspondían como militar...

En xullo do 36, Otilia e mais o seu pai Xosé foron intimidados polos falanxistas locais, que os pasearon de noite nunha camioneta ameazándoos coa morte. Otilia foi vítima de vexacións (cortáronlle o pelo a rente) na taberna do Outeiro, cuartel xeral da Falange quirezá.
Otilia Fernández casou con Laudino Euxenio Pose Figueroa, tendo por fillos a Manuel (data de nacemento: 27-10-1931) e Eliseo (data de nacemento: 5-1-1934), nados ambos os dous en Cerdedo; e a Xulia Fernández Pose, nacida no Brasil.
Laudino, nado en 1904 en Castro do Medio, era fillo de Manuel Ramón Pose e Carolina Figueroa. Precedendo a súa familia, Laudino Euxenio Pose xa figura residindo no Brasil en 1939. En 1943, declara ser "operario"; en 1972, "dependente".
En 1941, Otilia, de profesión "labores", canda os seus fillos Manuel (9 anos) e Eliseo (6 anos), poñen rumbo a Suramérica a bordo do buque "Cabo de Buena Esperanza" (Ybarra y Cía.), desembarcando no porto de Santos (Brasil) o 4 de febreiro. No ano 52, Manuel declara ser "operario" e Eliseo, "feirante". No 59, Eliseo declara ser "motorista" (chofer), e no 72, "vendedor". Non retornaron xamais.

Vicente e Antonio, irmáns de Otilia, tamén escollerán o Brasil para facer por vida. Antonio, en calidade de "carpinteiro", desembarca no peirao de Santos o 20 de agosto de 1950; e Vicente, en calidade de "pedreiro", arriba a São Paulo o 5 de maio de 1951.

Otilia Ferrnández Ovelleiro faleceu en Ipiranga-São Paulo en 1993 aos 87 anos de idade.

Manuela García Castro
Manuela García Castro, labrega, naceu no ano 1904 no lugar de Cuíña (Quireza). Era filla de Antonio García Ovelleiro e Petronila Castro Rascado.
Manuela recibiu malleiras e, coma Otilia, foi rapada na taberna do Outeiro por negarse a revelar o paradoiro de seu home Xervasio Solitario Penelas Fentanes (1904-1986), fuxido. Xervasio S. Penelas fora alcalde pedáneo de Cuíña en 1932-33. A comezos dos anos 40, Manuela tamén acabaría emigrando ao Brasil, país no que faleceu.
Manuela e Xervasio tiveron por fillos a Xervasio (1932), María Dolores (1934), Claudina (1939), Antonia (1941) e Sara Penelas García.

"Operación España": O 11 de outubro de 1969, de mañá cedo, unha multitude congregouse na estación do ferrocarril de Vigo para recibir os 76/77 emigrantes da provincia de Pontevedra que, provenientes de países latinoamericanos e en virtude da chamada "Operación España", se acolleran á posibilidade de visitar os seus lugares de orixe por espazo de tres ou catro meses. Unha destas persoas era Manuela García Castro:
El Pueblo Gallego (9-10-1969): "Emigrantes de la ‘Operación España’": Dos emigrantes de la comarca de La Estrada han regresado después de muchos años de ausencia, en la "Operación España".
Se trata de doña Pilar Rivadulla Ferro, de 71 años de edad y natural de La Estrada, y doña Edelmira Manuela García Castro, del inmediato municipio de Cerdedo.
Transcorridos trinta anos triunfais, a "Operación España" foi unha estratexia de propaganda argallada pola administración franquista co obxectivo de branquear a imaxe do réxime co mel agre do reencontro e da reconciliación. Tivo varias edicións; a de 1969 foi a primeira. Beneficiaríanse aqueles emigrantes que non contasen con medios económicos abondos para custear a viaxe e que, asemade, levasen máis de 25 anos residindo nalgún país americano. A meirande parte da pasaxe era de orixe galega e un bo número exiliáranse, é dicir, migraran por cuestións políticas.
Para o desenvolvemento do programa, o goberno franquista fretou tres barcos: o "Cabo San Vicente", o "Ciudad de Barcelona" e o "Satrústegui" (Compañía Trasatlántica Ybarra), cos que, nesta primeira convocatoria, se trasladaron unhas 1.300/1.400 persoas. O "Cabo San Vicente" recolleu os emigrantes da Arxentina (inicio da viaxe: 23-9-69), do Uruguai, e do Brasil (Santos e Rio de Janeiro): 850 pasaxeiros. Manuela García Castro embarcou no Brasil e, despois de catorce días de travesía, chegou ao peirao de Barcelona o 7 de outubro de 1969.

Ao multitudinario desembarque e recepción na casa do concello barcelonés sucedeulle, ao día seguinte, a tamén multitudinaria recepción na praza e palacio de Oriente (Madrid). A seguir, a muller foi trasladada a Vigo en ferrocarril. Tras outro concorrido recibimento na estación viguesa e na Casa de América, Manuela, de 65 anos de idade, deu chegado en autobús a Cerdedo á noitiña do 11 de outubro, e de alí, até a aldea de Cuíña (Quireza). Na estación de Vigo, por entre a multitude, enarborárase (ou brandírase) unha pancarta elucidativa: "La paz de Franco os recibe" (EPG, 12-10-69).
O afincado da XIV lauda farase realidade co apoio entusiasta e desprendido dun entrañábel grupo de seareiros cuxo tributo desexamos recoñecer facendo constar os seus nomes: Rosa Meijueiro, María Fernández, Carmen Cortizo, Xanhe Redondo, Alberto Cadavid, José Antelo, Loli Quinteiro, Fernando Salgado, Anan Abdalah, Fernanda Cedrón, Cristina Salgado, Cándido Duro, Manuel Campos, José Ángel Álvarez, Antonio Ordóñez, Marisa Padrón, Oralice Silva, José Luiz Oubiña, Manuel Iglesias, Gonzalo Iglesias, Manuel Sueiro, Carmiña Iglesias, Julia Iglesias, Xosé Manuel Feijoo, Anónima, Fermín Brenlla, Gonzalo Sancho, Marisé Sanmartín, Conchi Pereiro, Antonio Vázquez, Manuel Gil, Elisa Landeira, Cristina López, Pablo Carro, Ramón Laxe, Victoria Orozco, Anónimo, Silvia Giménez, Mª Dolores Besada, Mar Gómez, Xoán López, María Jesús Martínez, Carlos Ríos, Helia Merayo, José Gómez, Luz Lamas, Benito Hermida, Pilar Pérez, Xosé Álvarez, Mª José Pérez, Marina Paz, Xulio Leal, Benigno Sarmiento, Manuel Fortes, Celso Núñez, Alicia Garrido, Calros Solla, Ángeles Rodríguez, Mª Teresa Campos, María Pereira, José Mª Pazo, Benito Hermida, Rosa Mª González, David Otero, Xoán Carlos Garrido, Raquel López, Víctor Gil...
Benia a todas e todos!! O día 5 de xullo, a patria dos vivos fotografarase novamente ergueita e ditosa entre a montaña sagrada do Seixo e a patria enfesta dos inmorredoiros. Fóra de foco, estenderase, calada e servil, a patria dos mortos.

Cabo de Buena Esperanza, o buque no que Otilia emigrou ao Brasil.

Cabo San Vicente, o buque da Operación España no que viaxou Manuela.

Ficha consular de qualificaçao de Otilia Fernández (Consulado do Brasil en Vigo).

Foto familiar de Otilia Fernández.

O Campo das Laudas.

Otilia Fernández Ovelleiro.

Un dos barcos fretados para a Operación España.

Sinatura de Otilia Fernández Ovelleiro.

Cabo de Buena Esperanza, o buque no que Otilia emigrou ao Brasil.

Cabo San Vicente, o buque da Operación España no que viaxou Manuela.

Ficha consular de qualificaçao de Otilia Fernández (Consulado do Brasil en Vigo).

Foto familiar de Otilia Fernández.

O Campo das Laudas.

Otilia Fernández Ovelleiro.

Un dos barcos fretados para a Operación España.

Sinatura de Otilia Fernández Ovelleiro.