No pasamento do noso compañeiro Enrique Rodríguez Blein

18 de junio 2025

Enrique Rodríguez Blein foi unha das persoas que participou na que poderiamos considerar como "Asemblea fundacional" da APDR

Temos que lamentar hoxe a morte do noso compañeiro e amigo Enrique Rodríguez Blein, socio da "Asociación pola Defensa da Ría" desde a súa fundación e unha das persoas que participou na que poderiamos considerar como "Asemblea fundacional" da APDR, unha asemblea aberta á participación cidadá e na que nos xuntamos arredor de 80 persoas co obxectivo de constituír unha organización para loitar polo saneamento e recuperación da nosa Ría.

 Desde aquel primeiro contacto, Enrique aportou ideas en todas as asembleas da Asociación e participou en cantas actividades se desenvolveron ao longo dos 37 anos de vida da APDR.

Neste sentido, debemos indicar que mesmo nos últimos anos, nos que a avanzada idade e a súa saúde non lle permitían realizar o percorrido total nas Marchas contra CELULOSAS, achegouse sempre á alameda pontevedresa para acompañarnos no treito da baixada de San Roque ata chegar á autovía a Marín.

Este ano, hai ben poucas datas, sei que non foi unha excepción; acompañounos máis unha vez na saída. Con seguridade sentiuse ledo ao ver a enorme participación cidadá acadada na que foi a súa derradeira mobilización coa APDR. Para a Xunta Directiva, esta é unha razón máis para estar orgullosas do éxito acadado, un éxito que queremos adicarlle hoxe de forma moi especial a quen foi un compañeiro de viaxe leal e xeneroso, un amigo disposto sempre a aportar a súa enorme experiencia como persoa e como profesional do dereito. Que a terra lle sexa leve.

Pontevedra 17 de xuño de 2025

Pola Xunta Directiva,

Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR