Un día, sen vir a conto, uns días antes das festas da Peregrina, apareceu nun cartel diante dun restaurante da zona vella de Pontevedra:
"Menú do día: Polbo con ovos e patacas fritidas".
Ninguén dixo nada ao principio, como se os comensais pensasen que era unha broma ou unha distracción do camareiro. Pero non. Era certo. O polbo, o rei das festas, o que sempre ía acompañado de aceite de oliva, sal gordo e un pouco de pemento —como Deus manda—, agora viña mesturado con cousas que, se falasen, protestarían.
Días despois, para non ser menos, outro restaurante da cidade que da de beber a quen pasa, atreveuse aínda máis:
"Centola con ovos e patacas fritidas".
Aquilo xa era para flipar, agora a centola ía nun prato ao lado dun ovo fritido e unha ducia de patacas medio murchas…
No te acostarás sin saber una cosa más! comentaba un veciño da parroquia que estaba dando unha volta mentras facía tempo para coller o bus.
Chegou coa novedade dos menús a miña parroquia de Cerponzóns, e claro, comezouse a falar. Primeiro no Centro Social, despois cando paraba o peixeiro, e por último a saída da misa. A señora Claudia dixo que aquilo era un insulto ao mar. O señor Evaristo, que foi mariñeiro e sufridor de temporais, asegurou que se lle poñían un ovo máis a un bicho de mar, denunciaba ao Concello. A rapazada, en cambio, subía fotos cos móbiles e hashtags coma #PulpoFritoChallenge ou #CentolaConCousas, e rían sen parar.
Mais había quen o comía. Non se pode negar. A curiosidade pode máis ca o sentido común ás veces. Un taberneiro de Campañó confesou que o polbo así "non estaba mal", e que, total, "as patacas mollaban ben na xema".
Pero a cousa non parou aí. Non, señor. Aquilo era só o principio dunha revolución culinaria sen freo e sen xeito. Pasou coma cos pantalóns de campá nos anos setenta: primeiro un atrevido, logo dous, e ao pouco, todo o mundo bailando e tocando as campás no baile do Pino.
Seica nunha tenda de delicatessen de Santiago xa ofrecen croquetas de polbo á feira con corazón líquido de pemento da Vera, por Coruña hai quen serve tosta de lacón con grelos e espuma de cachelos trufados…vaiche boa Vilaboa.
Mais o que fixo rebentar a risa —e o estómago— foi o anuncio dun "chef de vangarda" que, segundo el mesmo, tiña tres estrelas Firestone (que non Michelin, pero brillaban igual no parachoques do foodtruck). A súa creación estrela:
Cocido con polbo salteado en aceite de coco sobre cama de fabas da Lourenzá ahumadas.
E para sobremesa:
Flan de caldo de lacón con sorbete de repolo.
A xente xa non sabía se sentar ou fuxir. A señora Carmucha, de Pontecabras, colleu o bus a Santiago só para mirar o prato e dicir:
—A quen lle pareceu boa idea mesturar unto con tentáculos? Isto é terrorismo culinario.
Eu xa non séi que opinar, algo sei do asunto, pero a cousa non chegou a tanto como agora, lembro os menús "inspirados" na taberna dos meus pais:
Aquel bacallau cocido ou fritido espolvoreado con azucre, e o famoso ovo frito tamén acompañado de azucre, coma se alguén (meu pai) quixese casar o prato coas sobremesas por aforro de tempo.
Penso que onde haxa un bo polbo á feira, cun bo aceite e pan de verdade, deses que botan migallas coma quen bota recordos, que se quite toda esta "fusión".
Porque se seguimos así, pronto teremos callos con topping de froitas tropicais, ou zorza sobre mousse de maracuyá, e teremos que saír á rúa con pancartas que digan:
"¡Polbo si, pero non así!"
"Non á laconada con langosta!"
E se algún día aparece un novo "artista dos fogóns" cun menú degustación a base de lacón con cachelos en forma de sushi con polvo dourado, xa só nos quedará rezar á virxe do Carmen… ou abrir unha taberna e poñerlle por nome:
"O Polbo Indignado".