Recoñecemento a Alba Chaves Abelleira en Cerponzóns

12 de marzo 2026

Este ano volvemos poñer o foco nunha muller nova e querémosllo dedicar a Alba polo seu esforzo en manter forte o fío condutor do feminismo

Por cuarto ano consecutivo, a AVV O Chedeiro celebra o 8M recoñecendo a unha muller da parroquia.

Este ano, con motivo do Día Internacional da Muller, quixemos facer protagonista á nosa veciña Alba Chaves Abelleira, porque se algo hai en Cerponzóns é talento e, se algo nos gusta nesta asociación, é presumir del. E non é que o digamos nós, dío o premio Mulleres que Opinan, promovido pola Deputación de Pontevedra en colaboración co concello, que recibiu en 2025 polo seu artigo “La mayor y la peor” e que, ademais, lle fixo un oco na axenda do encontro deste ano a próxima fin de semana.

Pero nun día como hoxe, a cousa non vai só de talento para a escritura e a comunicación. Vai de mulleres loitando polas mulleres e reivindicando os dereitos de todas.

En anos anteriores, dedicamos este día a mulleres cuxa vida de esforzo e sacrificio por saír adiante é exemplo e testemuña da dureza da vida doutro tempo, cando os recursos da época non permitían levar unha vida tan acomodada como a que temos hoxe en día, e onde o papel da muller na sociedade facíao aínda máis difícil.

Este ano volvemos poñer o foco nunha muller nova e querémosllo dedicar a Alba polo seu esforzo en manter forte o fío condutor do feminismo, pois non é algo que inventásemos as novas xeracións, senón que é o legado desas mulleres, como a súa avoa Carmiña, que non calaron nin se amedrentaron, nin ante as regras escritas da súa época nin tampouco ante as non escritas.

Dende a Asociación de Veciños "O Chedeiro", o noso agarimo e recoñecemento hoxe é para Alba por suxeitar con forza a porta que nos abriu a todos a súa avoa Carmiña, e todas as avoas Carmiñas, e por poñer voz como comunicadora aos intereses e dereitos de todas.

Alba Chaves Abelleira, homenaxeada en Cerponzóns
Alba Chaves Abelleira, homenaxeada en CerponzónsAsociación de Veciños O Chedeiro