Da "Viena galega" a unha sociedade "garrula", que pasou en Pontevedra?

23 de noviembre 2025
Actualizada: 20:26

Xerardo Torrado Agulla escribe sobre a Pontevedra dos anos 20 e 30 do século XX e cualifica á actual sociedade pontevedresa como "culturalmente tercermundista e cuns niveis de "garrulismo" chamativos"

Había unha serie na TVG, As leis de Celavella, que me gustaba moito; vin todos os episodios, algún deles ata tres veces, pero non os vía na televisión cando os emitían, senón moito máis tarde en YouTube. De feito, era un dos meus entretementos nas noites na residencia de estudantes en Göttingen, noites, por certo, de absoluto silencio, contrariamente ás "noites españolas", amenizadas polas motos dos garrulos, uns veciños que cren que viven nunhas favelas ou por un coche de recollida de lixo repleto de chirridos. O outro día, falando por teléfono cun escritor e tradutor de Vigo, pero residente en Viena, dicíame que os ruídos nocturnos eran impensables en Austria: en horario nocturno, o ruído permitido é de ata 30-40 decibelios. Debemos ter en conta que unha conversa normal ten uns 50 decibelios. Eu vivo baixo un piso-patera que, de ser en Austria, facía meses que tería sido desaloxado. O outro día, presentei unha denuncia no Concello, pero como aquela mesma tarde baixou un dos inquilinos a ameazarme a min e ao meu pai, un home de 82 anos, tiven que retirar a denuncia.

Daquela serie As leis de Celavella, filmada en Betanzos, chamábame a atención ata chegar a resultarme risible que naquela vila, en tempos da ditadura de Primo de Rivera, tiveran o nivel cultural e a sociedade avanzada que aparecía reflectida na pantalla: dos protagonistas, tres pertencían a unha loxia masónica, había recitais de piano, proxeccións, certames literarios, recitado de poesía, debates, hospedábanse na vila aristócratas europeos… Considerábao unha licenza cinematográfica. Pero, en realidade, pecaba de presentismo.

Normalmente, cando se peca de presentismo, é cando buscamos en sociedades pasadas aspectos evolucionados, pero neste caso é ao revés. Eu buscaba naquela serie rastros da sociedade garrula actual, cando resulta que aquela sociedade galega estaba máis avanzada e era máis culta ca de agora, incluso en vilas pequenas como podería ser aquela Celavella.

Descendamos ao caso particular de Pontevedra. Hoxe, Pontevedra é unha vila nada europea, e culturalmente está moi atrasada respecto aos anos 20 ou 30 do século pasado, cando Pontevedra era considerada a "Viena galega". A sociedade pontevedresa, hoxe en día, é unha sociedade de favela, culturalmente tercermundista e cuns niveis de "garrulismo" (termo que me gusta empregar para definir Pontevedra) chamativos. Por algo é a única vila galega onde segue a haber corridas de touros, espectáculo nada civilizado e impropio das sociedades avanzadas. Tamén hai que dicir que naqueles anos 20 e 30 xa existía o coso taurino que hoxe coñecemos. Pero, en troques, non hai nin unha ópera ao ano, e cando pido explicacións á xestión cultural de "Afundación", dinme que en Pontevedra non é rendible montar un espectáculo operístico.

A Pontevedra de principios do século XX era unha cidade moi activa culturalmente. Nesta Pontevedra mantiñan aceso o facho da Cultura diversas entidades culturais como a prensa, as sociedades recreativas, ou as tertulias. En relación coa prensa, o Diario de Pontevedra mantiña unha sección literaria chamada "Líneas amenas". As mencionadas sociedades recreativas eran os verdadeiros animadores culturais, sobre todo o "Liceo", que promovía múltiples recitais, xogos florais, audicións e representacións. En canto ás tertulias, as máis importantes serían as de don Castro Sampedro, tendo a súa "sede social" no banco da súa botica situada na praza da Peregrina. Segundo Xosé Fortes Bouzán, a tertulia máis importante sería a que mantiñan Andrés e Jesús Muruais na vella Casa do Arco. Nestas últimas tertulias participaría xente como Álvarez Limeses, os irmáns Ulloa, Enrique Labarta, Said Armesto ou o mismísimo Valle-Inclán. Na biblioteca dos Muruais non faltaban os libros da literatura europea máis recente. Por algo nas súas inmediacións colocaron a estatua de Valle-Inclán.

O espazo das tertulias podía ser o café, coma os pontevedreses "Café Moderno" e "Méndez Núñez". Nestas tertulias falábase de todo, pero as que tiñan máis expectativas de consolidarse eran as que trataban temas de política, arte ou literatura, dependendo da época e, sobre todo, dos interlocutores. Outro espazo propicio para as tertulias eran as reboticas, e aquí debemos mencionar as tertulias de Perfecto Feijoo, que, no caso de haber bo tempo, trasladábanse ao exterior. Por aquí pasaría o florido da política española daquela: Montero Ríos, Sagasta, Portela Valladares, artistas como Julián Gayarre ou escritores como José de Echegaray, que sería premio Nobel de Literatura.

Outro xénero de sociedade recreativa eran as de corte musical. Debemos resaltar que a Pontevedra de entre os anos 1900 e 1920 era unha cidade de fonda tradición musical. No ano 1921 fundouse a "Sociedad Filarmónica de Pontevedra". Pouco despois, no 1925, presentaríase a "Coral Polifónica", que recibiría unha moi boa crítica desde Madrid, por xente como Adolfo Salazar, Joaquín Turina, Moreno Torroba ou Julio Gómez. Entre as voces da Coral Polifónica estaría a de Alexandre Bóveda. O proxecto pontevedrés da "Coral Polifónica", contrariamente a outros, lograría sobrevivir durante a Guerra Civil e a ditadura.

Pero se debemos destacar a unha figura musical da Pontevedra de principios do século XX, sen dúbida esta é a do insigne violinista Manuel Quiroga Losada. Manuel Quiroga naceu na antiga rúa do Comercio de Pontevedra (actual Rúa Manuel Quiroga) o 15 de abril de 1892. Os seus primeiros mestres serían Isidro Puga, Juan Sayago e Benito Medal. Aos once anos debuta no "Café Moderno" cun notable éxito. Hai que sinalar que na mesma casa na que naceu, viviu e morreu Manuel Quiroga, viviu o mismísimo Pablo Sarasate.

Volvamos ao "Café Moderno". Alí podemos atoparnos a inicios dos anos vinte cunha nutrida tertulia, á cal asistía o mismísimo Castelao, sendo profesor de debuxo no Instituto de Pontevedra desde 1916. No "Café Moderno", ademais de manter animadas conversas políticas, o polifacético Castelao atoparía a inspiración para moitas das súas personaxes literarias. Nas mesas deste café modernista, Castelao preparaba diariamente as estampas humorísticas para a prensa, como o madrileño El Sol, o coruñés El Ideal Gallego, o ourensán La Zarpa ou os vigueses Galicia, El Pueblo Gallego e o Faro de Vigo. Por alí tamén pasaban o pintor Carlos Sobrino, cuxos cadros adornaban as paredes do local, Valentín Paz Andrade, Juan Bautista Andrade (tío do anterior), Isidoro Millán Mariño, Álvaro Gil Varela, Antón Losada Diéguez, e tantas outras figuras da vida cultural e política.

A fundación da revista Nós deuse na cidade de Ourense, pero segundo Carlos Casares, foi en Pontevedra onde se definiu finalmente este valioso proxecto por obra de Castelao e de Antón Losada Diéguez nunha reunión na cal estaría o futuro director da publicación, Vicente Risco. Este importante suceso aconteceu noutro dos cafés daquela Pontevedra, o "Méndez Núñez", que daquela, cara ao 1920, Castelao o frecuentaba aínda máis que ao propio "Café Moderno" antes mencionado. As tertulias tiñan unha grande mobilidade dependendo de varios factores como que cambiase a calidade do café servido ou a amabilidade dos camareiros. Nas tertulias do "Méndez Núñez" os habituais, ademais de Castelao, serían Clodio Prada, Iglesias Vilarelle, Castro Sampedro, Antón Losada Diéguez e Amado Carballo. Na Pontevedra de Castelao, ademais destes dous, había outros cafés, como o "Kursal", na rúa Oliva, o "Petit Bar", na praza de San Xosé, ou o "Saboy", preto da praza da Ferrería e que abriría as súas portas durante a República, onde antes estivera a zapataría Ces-Bravo.

Na Pontevedra daqueles anos, tería lugar a fundación de "Labor Galega de Pontevedra", e posteriormente sería a sede da asemblea constituínte do "Partido Galeguista" nos días 4 ao 6 de decembro de 1931, do que sería secretario xeral Alexandre Bóveda, asasinado o 17 de agosto de 1936.

A semana pasada, asistín a un concerto no Museo de Pontevedra, moi interesante, adicado ás pezas para piano compostas por Xoán Montes, pezas que compuña para seren interpretadas nos café-concerto lucenses. Sen dúbida, foi ese concerto o que me fixo escribir estas liñas, xa que supuxo en min unha reflexión sobre as sociedades e a cultura galega naqueles anos. Debo sinalar que Xoán Montes é anterior no tempo a aqueles anos 20. En todo caso, naquel concerto escoitei valses e mazurcas dignas do mismísimo Chopin. No meu maxín, imaxineime nun café-concerto daquela. Aínda en tempos de estudante en Santiago de Compostela, lembro tardes cos meus compañeiros tomando algo no compostelán "Café Casino", mentres ao noso carón, un pianista interpretaba a Chopin. En Pontevedra, seguramente iso non tería éxito algún, e o habitual é entrar nun café e que de fondo soe Rosalía, de quen agora os ignorantes din que fai ópera e música clásica (risas).