Cando ser vítima de violencia de xénero é, segundo unha avogada "experta", un choio

07 de septiembre 2025

Marta Rodríguez Engroba sinala que ante o desolador panorama que temos en canto á violencia machista, e neste dantesco contexto con 25 mulleres asasinadas este ano, nunca falta quen pegue o "tiro de graza"

25 mulleres asasinadas no que vai de ano por mor da violencia de xénero, algunhas das cales estaban incluídas no sistema VioGén e tiñan ordes de afastamento ou de protección en vigor, malia o cal o seguimento que se lles estaba a facer, a elas e aos seus asasinos, era nulo.

Noutros casos, esas medidas xa foran desactivadas non se sabe nin por que nin, evidentemente, por quen, porque se ve que os feminicidas ao cabo dun tempo tamén se desactivan.

Tiveron, iso si, o seu minuto de silencio, así como a foto correspondente na que aparecían, entre outros, os responsables da omisión de protección a que tiñan todo o dereito e que non se lles prestou.

Este é, a grandes trazos, o desolador panorama que temos en canto a violencia machista, e neste dantesco contexto, como pasa tantas veces, nunca falta quen pegue o "tiro de graza" para acabar de rizar o rizo.

Nesta ocasión, a encargada foi unha tal Carmen Vázquez Durán, avogada especializada, din, en violencia de xénero, a que, naturalmente, non coñezo persoalmente, pero que me gustaría ter de fronte para dicirlle un par de cousas mirándolle aos ollos no nome das vítimas de violencia machista e de cantos estamos a loitar día a día con elas.

Para tentar resumir e non alongarme máis do estritamente necesario, nunhas declaracións feitas hai tan só uns días a un medio de comunicación, esta señora, que é, repito, especialista en violencia de xénero, e arrepíos me dan cada vez que o penso, declaraba que, ao amparo dunhas modificacións na lei VioGén, concretamente o Real Decreto 664/2024, que permite que as vítimas accedan a subvencións e demais axudas, como beneficios en oposicións ou plans de emprego, e outras "prebendas" que non vou enumerar agora na súa totalidade porque, como xa dixen, alongaríame demasiado, sen que exista unha sentenza condenatoria do seu agresor, senón que abondaría cunha medida cautelar a favor da vítima, ou ben cun informe do Ministerio Fiscal que indique indicios desa violencia, ou mesmo cun informe dos servizos sociais ou dos servizos de acollida destinados a estas mulleres, aumentaron de xeito notable as denuncias "instrumentais", como as denomina eufemísticamente, ou, o que é o mesmo, as denuncias falsas.

Para rematar o seu "brillante" discurso, a "avogada especialista" insta ao poder executivo e lexislativo, e cito textualmente, "a que se paseen por los juzgados o se pase por la Policía Nacional, por la UFAM, o por la Guardia Civil para que vean el perfil de muchas de estas mujeres que denuncian delitos de violencia de género".

Sen comentarios.

Si, Sra. avogada especialista Vázquez Durán, que se paseen, que se paseen, preferentemente no verán, nas fins de semana, nas pontes, no Nadal, para ver se, con sorte, se atopan algo máis que as mesas.

Que se paseen, sen avisar, naturalmente, para comprobar como as vítimas, en non poucas ocasións, son cuestionadas, non cridas, ou, directamente, non se lles recolle a denuncia, porque o policía que está ao outro lado da mesa decide, arbitrariamente, asumindo a competencia que soamente lle corresponde a un xuíz, que non ten percorrido.

Que se paseen cando unha vítima denuncia reiterados quebrantamentos de ordes de afastamento, reiteradas ameazas do seu agresor, ou que unha patrulla non se presentou despois de soarlle o dispositivo electrónico, etc., etc., etc.

En canto ao seu comentario sobre o perfil das vítimas soamente lle vou dicir unha cousa: inhabilitala, ao menos para exercer o seu traballo en violencia de xénero, é o mínimo que se debería facer, porque non pode ser máis deleznable e noxento.

Menos mal que é vostede muller!

E no que atinxe ás subvencións, prestacións, etc., etc., por que non falamos das que deixan a vida no camiño, agardando por unha axuda que nunca chega, das que se ven, por esta mesma circunstancia, en non poucas ocasións, obrigadas a volver cos seus maltratadores para que aos seus fillos non lles falte un prato de comida ou un teito baixo o que vivir, poñendo a súa vida nun risco case sempre máis que certo?

Por suposto que hai algunha denuncia falsa, coma en todos os delitos.

Tamén hai quen defrauda ao seguro, homes e mulleres, quen denuncia falsos roubos, homes e mulleres, quen falsifica documentos para o seu beneficio, homes e mulleres, pero a porcentaxe de denuncias falsas por violencia de xénero é ínfima, e, de novo lle recordo, 25 mulleres asasinadas no que vai de ano.

O seu, Sra. Vázquez Durán, é un xeito máis de maltratar, é un insulto, unha aldraxe e un perigo para as mulleres, especialmente, por suposto, para as vítimas de violencia de xénero que acuden a vostede, ás que, supoño, lles pasará unha nada barata minuta.

E o peor de todo xa non son as súas manifestacións, que non poden ser, reitero, máis deleznables, senón o pouso que van deixando e, por outra banda, as tráxicas consecuencias que dar con vostede pode supoñer para algunha vítima que, buscando axuda, consello e, en máis dun caso, facendo un serio esforzo económico, poden supoñer, porque nun estado de vulnerabilidade emocional, de medo, cando non de auténtico terror, topar con alguén como vostede é caer nun segundo inferno.

Sra. Vázquez Durán, teña un mínimo de honestidade, de humanidade, e dedíquese a outra especialidade do Dereito, que seguramente o fará moi ben, porque en violencia de xénero é vostede un serio perigo e é moito o dano que está a facer.

Asociación Si, hai saída.