Hoxe decidín saír da miña zona de confort. E levo dez minutos intentándoo pero non
hai forma. Xa para comezar non me atopo nada cómodo coa palabra "confort". E para continuar, non son capaz de perimetrar a zona esa. Non digo que eu non teña "zona de confort", non son tan egocéntrico. Supoño que todos temos diso, igual que temos epiglote e perineo, pero penso que non todo o mundo sabe exactamente por onde cae. Como vou saír dun sitio que non sei onde está?
Despois temos o asunto do perfil das persoas que dan ese tipo de consellos. Gurús da modernidade, filósofos de todo a 100, terapeutas sen estudos, internautas sen escrúpulos, atrevidos sen fronteiras... así non hai modo de estar seguro.
E despois de despois está o argumento, nada desaproveitable, de que se estás a gusto nunha situación, parece de parvos esforzarte para saír dela o ademais tendo en conta o difícil que é hoxe en dia atoparte cómodo na túa pel. "Boas, chámome Wolfgang Amadeus, Mozart para os amigos; teño un éxito de la órdiga pero aconséllanme que me asemelle máis a Salieri, que é moi doado ser Mozart, pero debo saír da miña zona de confort". Vai ser que non.
Resumindo, que ti estás instalado dunha rutina na que te sentes seguro, sen ansiedade nin gaitas, e tes que facerlle caso a uns tipos que che din que o mellor que che pode pasar é afastarte desa sensación agradábel pero enganosa para meterte en terreos enlamados, digamos. Iso vaiche facer crecer persoalmente (e se non quero crecer, pailán, que me atopo ben así?), vas superar medos, etc. A ver, o medo está aí para algo. Por exemplo, eu teño medo ás alturas e iso protéxeme de esnafrarme contra o chan. Teño medo das películas de terror (que están para iso) e non vela protéxeme de ter medo. E así poderiamos seguir.
Disque quedar na túa zona de confort "pode provocar estancamento, apatía e incluso depresión". Imos ver, que aínda vas levar coa man aberta. "Pode", xa ti o dis, "pode". Eu estou feliz como estou e non teño estancamento, apatía ou depresión. Se me estanco, xa me desestancarei; apático podo estar a ratos, como todo o mundo. En canto a depresión, se sentes depresión estando cómodo, vaite preguntando como te podes chegar a sentir canda salgas da comodidade.
O certo que non me estraña toda esta estremonía de cousas. Xente que non ten que facer e está tan aburrida como para inventar iso que chaman "mindfulness". Unha cousa que xa ten que ser idiota como para que ninguén atopase unha tradución a outro idioma.
Igual me puxen un chisco agresivo con toda esta milonga, pero hai cousas que me sacan das miñas casiñas, ou sexa, da miña zona de confort. Por exemplo, que me digan que teño que saír dela.