Pontevedra acolle a primeira fin de semana de xullo a novena edición da Festa dos Libros, que encherá a carpa da praza da Ferrería de literatura, encontros arredor da lectura e propostas culturais para todos os públicos.

A programación deste sábado 4 de xullo arrancará cunha destacada presenza da literatura para os máis pequenos.

A mañá do sábado 4 abrirase ás 11.00 h cunha actividade dirixida ao público infantil e familiar da man do Pulpiño Viascón, que achegará ao público o seu espectáculo de home orquestra, seguida do faladoiro "Arredor de GÁLIX e a LIX galega actual: éxitos e desafíos".

Ás 12.30 h regresará unha das citas xa consolidadas da Festa, Enfiando lecturas, organizada pola Libraría Paz para descubrir voces novas e propostas editoriais diversas. Nesta ocasión daranse cita Xesús Fraga e Xerardo Quintiá, coa obra epistolar Tempo de correspondencia (Xerais); María Lado, co poemario Odias a poesía (Ed. Elvira); e Anxos Sumai, coa novela A nena de xeo (Euseino? Editores), nun diálogo moderado pola xornalista Alba Moledo

Xa na sesión da tarde, ás 18.15 h participarán Tamara Andrés, con Eu son de aquí e de alá (Editorial Galaxia); Carmen V. Valiña, autora de Illa de sangue e As tolas que non o eran (Editorial Galaxia), obra esta última distinguida co Premio Losada Diéguez de Investigación 2026 e traducida ao castelán por Pepitas; e Alba Tomé, que falará de As humidades (Editorial Galaxia), nun encontro presentado por María Xesús López Escudeiro. 

Ás 19.15 h será a quenda de María Solar, Irene Lourido e Victoria Pinal, que conversarán sobre as súas obras máis recentes: As malas ideas, O lado nobre e Tiña eu razón (Xerais), respectivamente, tres obras que afondan na identidade, nas relacións persoais e nas experiencias vitais. A conversa contará coa condución da xornalista Chus Gómez Dorrego

A partir das 20.15 h terá lugar un dos encontros máis agardados da xornada, que reunirá a dous dos nomes máis destacados das letras actuais. Manel Loureiro, un dos autores españois de maior proxección internacional no xénero do thriller, presentará Antes de que todo cambie (Planeta), mentres que Manuel Jabois, unha das voces máis recoñecidas do xornalismo e da narrativa contemporánea, compartirá co público as claves de La víspera (Alfaguara). O diálogo estará conducido pola xornalista Belén López.

Como peche da xornada do sábado, desenvolverase unha mesa dedicada á música e á cultura popular galega coa participación de Lois Pérez, autor de Hoxe toca Leiva? (Xerais), e Fernando Fernández Rego, que presentará Andrés do Barro. A xénese do pop en galego (Editorial Galaxia), presentada pola xornalista Teresa Cuíñas.

Praza da Ferrería, Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos