Pontevedra acolle a primeira fin de semana de xullo a novena edición da Festa dos Libros, que encherá a carpa da praza da Ferrería de literatura, encontros arredor da lectura e propostas culturais para todos os públicos.

A programación deste venres 3 de xullo arrancará cunha destacada presenza da literatura para os máis pequenos.

Ás 11.30 h, o Colectivo Xurelo ofrecerá o contacontos ilustrado con música Begoña Caamaño. Pequena biografía (Lela Edicións), inspirado na obra homónima e concibido para achegar a figura da escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2026. Enrique Mauricio estará acompañado pola ilustradora Tania Solla e polo músico Marcelo Dobode. A continuación, ás 12.30 h, chegará Un verán de contos e música, con Paco Nogueiras, unha proposta da editorial Kalandraka na que a narración oral e a música volverán ser protagonistas. 

Xa pola tarde, ás 18.15 h, a programación volverá centrarse en Begoña Caamaño cunha mesa arredor da súa obra e do seu legado, na que participarán Ana Romaní, autora de Volveredes brindar por min (Editorial Galaxia); Paula Carballeira, que presentará O transgredir das ondas (Editorial Galaxia); Beatriz Maceda, con Begoña ou o pracer da amizade (Xerais); e María Xosé Porteiro, que achegará Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela (Editorial Galaxia). O encontro estará presentado polo escritor e editor Víctor Freixanes

Unha hora despois, ás 19.15 h, chegará un dos momentos centrais da xornada, coa conversa entre Manuel Rivas e o xornalista cultural Ramón Rozas, dentro da sección dedicada á traxectoria destacada.

Ás 20.15 h terá lugar a presentación de La educación del monstruo (Editorial Espasa), a novela coa que a actriz e escritora Elvira Mínguez obtivo o Premio Primavera de Novela.

O programa rematará cun encontro arredor da memoria, a historia e a relación entre paisaxe e identidade no espazo atlántico no que participarán o arqueólogo Alfredo González-Ruibal, Premio Nacional de Ensaio 2024 e autor de País en ruinas (Editorial Crítica); Xurxo Ayán e Olga Novo, que presentarán Repil. 20 de abril de 1949 (Edicións Positivas); e Manuel Gago, con Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega (Morgante Edicións). María Hermida será a encargada de moderar a conversa.

Praza da Ferrería, Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos