O Vermú entre libros na libraría Paz acolle a visita da poeta Olalla Cociña.

Será este sábado 20 de xuño, ás 12,30 horas. 

A autora conversará do seu poemario 'Primeiro espello' coa escritora Anxos Sumai.

Primeiro espello intérnase aínda máis nos vieiros que Olalla Cociña xa fixera seus hai unha década en Vestir a noite, o que ata o de agora era o seu último libro de poemas: os relustros poderosos e algo amargos deses instantes de memoria que, cando se conquistan, aloulan pola súa intensidade, lóxicas inesperadas que se revelan evidentes unha vez que foron enunciadas.

O libro de Olalla Cociña inscríbese na literatura do onírico sen limitarse a transcribir a percepción dislocada dos soños, os seus contornos enganosos, senón querendo alumar a rareza deses cristais cunha luz distinta a través da súa incorporación ao poema. Son textos que sempre pesan moito menos ca a impresión que deixan, privilexian esa clase de sensación que vai esponxando, que medra por dentro e que precisamente é máis grande porque nunca se expón de todo. 

Olalla Cociña (Viveiro, 1979) desde o 2004 publicou libros como Libro de Alicia, Ningún precipicio ou Vestir a noite. Coorganizou o ciclo de lecturas poéticas Picaversos en Santiago de Compostela e formou parte da banda Atrás Tigre. Licenciada en Xornalismo, dedícase á docencia.

Libraría Paz, Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos