A romaxe urbana Folk no Alobre festexa o seu décimo aniversario.

Organizada pola Asociación Pésdebarro, a festa da música tradicional e da cultura popular galegas adiántase a principios do verán co obxectivo de garantir as mellores condicións posibles para unha celebración que cada ano reúne a máis e máis xente nunha xornada familiar e de convivencia na que non faltan xogos, comida, baile e moitos concertos.

A cita é o domingo, 5 de xullo no xardín botánico Valdés Bermejo.

Ás 11:00 horas será o paseo que partirá dende os Xardíns de Ravella. Acompañados de Xurxo Souto e o pasarrúas de Os Demos da Petaca, o grupo desprazarse ata o Castro de Alobre para facer unha visita guiada ao xacemento arqueolóxico, ademais do tradicional Ritual das Penas do Alobre.

Xa na zona do prado do parque Valdés Bermejo, ás 13:00 horas haberá unha sesión vermú amenizada por Brais das Hortas, e ás 14:00 horas dará comezo o Xantar Demorado, o almorzo comunitario no que familias e grupos de amigos compartirán mesa e viandas que poden levar eles mesmos da casa ou adquirir nos postos nos que, como en toda romaría que se prece, se venderá polbo á feira, churrasco, empanadas e tortilla.

A sobremesa acompañarase de xogos populares para todas as idades e, ás 16:00 horas, iniciarase o obradoiro de "Baile solto e agarrado para foliadas" que impartirán Manolo Cobas e Bea Díaz para todas as persoas que desexen participar.

Xa cos puntos collidos, os asistentes poderán poñer en práctica o aprendido, bailando ao son da música dos concertos que se sucederán a partir das 19:00 horas e nos que actuarán as Pandereteiras Pesdebarro Os Demos da Petaca para dar paso á Foliada Asalto con Pesdelán.

A continuación será o concerto de Os Carunchos, e a romaxe rematará cunha Foliada Libre no Torreiro da Festa, un tempo no que o escenario desaparecerá para que todo o mundo, libremente, cante e baile.

Xardín botánico Valdés Bermejo, VIlagarcía

Máis eventos

Ver máis eventos