"Educación sexual: unha conversa pendente" é o título da xornada que a Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía organiza este martes, 16 de xuño, como peche aos obradoiros celebrados durante o curso nun total de 14 centros educativos de educación primaria, secundaria e especial do municipio.

Sexólogas, docentes, familias e alumnado participarán nas mesas redondas nas que se fará unha reflexión conxunta para establecer o marco axeitado e facilitar as ferramentas que garantan relacións saudables, satisfactorias e libres de violencia machista.

A actividade celebrarase no Salón García entre as 18 e as 20:30 horas.

A xornada está aberta a todo tipo de público, sen limitación de idades, e orientada especialmente ás familias co obxecto de proporcionarlles ferramentas que poidan utilizar á hora de tratar o tema cos seus fillos, independentemente das súas idades, posto que, ao igual que o que se fixo nos obradoiros, as temáticas e a forma de abordar o tema adáptanse á cada etapa.

A realización desta actividade, así como dos obradoiros realizados nos centros educativos, parte do feito de que "a educación sexual integral e de calidade contribúe a previr violencias machistas, favorece a toma de decisións informadas e promove relacións máis saudables, libres e satisfactorias", indican dende Igualdade.

A xornada ten como obxectivo coñecer de primeira man e a través de todos os sectores implicados, as necesidades, preocupacións e desafíos que afrontan as novas xeracións, así como impulsar unha conversa colectiva que permita afondar no fomento do respecto, a diversidade e a capacidade crítica da mocidade fronte á desinformación e aos contidos que reciben a través de internet e das redes sociais.

A xornada abrirase ás 18:00 horas coa temática "A educación sexual nas novas xeracións", unha mesa na que participarán os integrantes do Comando de Igualdade do IES O Carril.

"Como acompañar na educación sexual. Miradas da comunicación educativa" é o título da segunda mesa. Nela participarán as sexólogas que impartiron os obradoiros de educación afectivo-sexual nos colexios e institutos, Lucía Álvarez e Sabela Maceiras; a representante da ANPA do instituto carrilexo, Ana Romero; e Pepe Cabido, docente con ampla experiencia en obradoiros de deconstrución da masculinidade. Actuará como moderadora Priscila Retamozo, coautora do libro "Las trampas de la pornografía. La sexualidad que deseamos".

A xornada rematará cunha representación teatral a cargo do grupo Estrelinhas do Carril, que porá en escena o I e II acto da "Lisístrata" de Aristófanes.

Salón García, Vilagarcía

Máis eventos

Ver máis eventos