A Deputación de Pontevedra presentou a terceira edición do circuíto provincial de artes escénicas +Escénicas, un programa que busca dinamizar a actividade cultural nos municipios de menos de 20.000 habitantes e apoiar o sector galego do teatro e a danza.
O circuíto conta cun catálogo de 250 compañías que ofrecen até 600 espectáculos distintos.
Nesta terceira edición xa están pechas 138 funcións en 50 concellos da provincia (todos excepto Tomiño, que non solicitou participar), que se desenvolverán até marzo de 2027. Destas representacións, 105 serán en galego.
Entre as novidades deste ano destaca o incremento no orzamento, que ascende a 209.000 euros, 9.000 máis que o ano anterior, podendo os concellos recibir até 4.000 euros (200 euros máis) e programar un máximo de cinco espectáculos, coa condición de que polo menos un sexa de danza.

A Deputación financiará o 90% do custo en municipios de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos de menos de 10.000 e o 70% nos de até 20.000.
O acto de presentación desta nova edición celebrouse no Salon de Plenos e contou coa participación de Clara Ferrao, que actuou ao comezo; do presidente provincial, Luís López; do deputado de Cultura, Jorge Cubela, e do xerente de Escena Galega, Diego Meizoso.

No caso de López, destacou o éxito do circuíto e atribuíuno ao traballo conxunto entre o serctor galego de teatro e danza, os concellos e a Deputación, aos que agradeceu a súa implicación neste proxecto.

Pola súa banda, Meizoso subliñou que o circuíto responde a unha "demanda histórica" do sector, mentres que Jorge Cubela definiuno como un "acerto que permite aos concellos manter unha programación cultural estable e de calidade durante todo o ano".