A Banda de Música de Pontevedra encóntrase inmersa na tempada musical, con dúas actuacións ao mes da Banda de Música de Pontevedra, a través dos Ciclos de Butaca no Teatro Principal, que a partir de xuño dará paso ás actuacións desta agrupación formada por 35 músicos en distintas localizacións de Pontevedra. Con estas actividades afróntase a que, posiblemente, segundo informou Diego Rosal, o novo presidente da Sociedade Musical de Pontevedra, sexa a última tempada de Juan Lois Diéguez como director titular da Banda de Música, despois dunha longa traxectoria á fronte da agrupación.
Diego Rosal anunciou este posible cambio tras a firma co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores do convenio co Concello de Pontevedra. O convenio, de carácter bianual, alcanza unha cifra de 176.5000 euros cun incremento de 15.000 euros respecto ao anterior. Trátase dos únicos ingresos económicos da agrupación, indicou Diego Rosal.
"A Banda de Música toca de carallo, así é como se di aquí que tocan cada vez mellor" indicou o alcalde que se mostrou orgulloso pola traxectoria da banda e destacou que os seus membros forman parte doutros colectivos musicais. A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tamén sinalou a calidade da entidade musical afirmando que en cada edición do Salón do Libro se lle piden intervencións máis complexas con magníficos resultados.
Esta achega económica serve para cubrir os gastos de dar de alta na Seguridade Social aos integrantes da agrupación cada vez que ofrecen un concerto e para pagar os gastos de transporte para as súas actuacións. Diego Rosal afirmou que a calidade da banda pontevedresa é equiparable ás de Coruña e Santiago, que son funcionarios e cobran cinco ou seis veces máis. Neste sentido, o presidente da Asociación indicou que o obxectivo non é que os músicos se convertan en funcionarios.