Sés volverá moi pronto a un dos seus escenarios preferidos. Cada vez que vén a Pontevedra o seu éxito é abafador. E de seguro o volverá a ser o próximo venres 24 de abril. Esa será a data na que María Xosé Silvar, unha das artistas con maior talento da música galega, presentará no Teatro Principal o seu novo disco, Tronzar os valos.
Así o desvelou a propia Sés na súa páxina de Facebook, onde se poden consultar as primeiras datas de presentación deste novo traballo discográfico. Oito concertos cos que percorrerá todos os cantos da xeografía galega, entre eles a cidade de Pontevedra.
Tronzar os valos, que saíu á venda esta mesma semana, é o terceiro disco da artista coruñesa tras Admirando a condición e Co xenio destrozado. Nel, Sés xunta doce novas cancións con influencias blues, rock e sons latinoamericanos.
Son, segundo destacan desde a súa discográfica, temas ateigados de mensaxe e de sinceridade, bravura e rabia musical, cancións que responden ao modo persoal e transparente que a artista ten de vela vida, de tocala, de contala e de cantala.
A artista coruñesa actuará no Teatro Principal coa súa banda habitual, aínda que prometen que será un concerto cheo de sorpresas.
As entradas para este concerto poñeranse á venda nos próximos días.