25.000 persoas pasaron por unha edición de récord do Armadiña Rock

Poio
27 de agosto 2017

É a cifra que calcula a organización en canto á participación nas diferentes actividades programadas. A Praza da Chousa volveu encherse este sábado para seguir os concertos de bandas como Def con Dos ou Talco

Concerto de Def con Dos no Armadiña Rock
Concerto de Def con Dos no Armadiña Rock

A novena edición do Festival Armadiña Rock de Combarro chegou ao seu fin despois dunha fin de semana de record, con cheo absoluto nas dúas xornadas de concertos.

No seu día grande, con actividades ao longo de toda a xornada de sábado, a organización calcula que pasaron polo Armadiña ata 15.000 persoas, sendo o punto álxido os concertos de bandas como Talco ou Def con Dos.

Ao mediodía o grupo The Skarnivals ofreceu un divertido concerto na Praza da Rualeira, mesmo lugar no que pola tarde actuaron O Leo Arremecághona e Delombaos. Tamén Fanfarria Taquikardia e Sircópatas encheron de música e cor o centro histórico de Combarro.

Xa pola noite, e ata altas horas da madrugada, o escenario da Praza da Chousa, desbordada de público, vibrou cos concertos de Carla Green&The Demons, Kitai, Ruxe Ruxe, Talco, Def con Dos e Bala, cuns 9.000 espectadores segundo a organización.

Con estes números a Asociación Armadiña calcula que foron preto de 25.000 os asistentes ao festival, nas súas diferentes actividades, convertendo a súa novena edición na máis concorrida das celebradas ata o momento.