Bueu acollerá o seu festival cinematográfico, o FICBUEU, entre o 7 e o 12 de setembro coa proxección de 28 traballos ao público. A esta edición presentáronse 2.087 obras, o dobre das que se remitiron á organización deste Festival Internacional de Curtametraxes durante o pasado ano. Nesta ocasión, as curtas chegaron dende 107 países, principalmente de España, Alemaña, Reino Unido, Francia e India.
Entre os traballos presentados escolléronse cinco obras galegas para a sección especial que se fai de historias elaboradas na lingua do país: Curricán, de Álvaro Gago; Restart, de Olga Osorio; Ser e voltar, de Xacio Baño; Unary, de Luís Avilés e Véndese (Baixo prezo, pouco uso) de J.A. Branco.
Ademais, xa se coñece o orixinal cartel desta edición que presenta a unha momia elaborada cun rolo de película.