Todo listo en Bueu para o Festival Internacional de Curtametraxes máis galego e con máis proxeccións

Bueu
31 de agosto 2015

O director do FICBUEU 2015, Manuel Pena, anunciou que este ano cada sesión abrirase cunha curta galega. As proxeccións terán lugar de luns a venres, en senllos pases idénticos ás 20.00 e ás 22.00 horas, con entrada de balde. O sábado ás 18.00 horas a asociación de realizadores Cera organiza un encontro con directores galegos e internacionais

Presentación do FIC Bueu 2015
Presentación do FIC Bueu 2015 / FIC BUEU

Bueu xa quenta motores para seu Festival Internacional de Curtametraxes (FIC), que este ano acaba a súa oitava edición ampliando a súa programación a 28 filmes e cunha marcada representación galega. A organización creou unha nova sección para obras galegas que ten cinco cintas.

O festival, que se celebrará no Centro Social do Mar entre o 7 e o 12 de setembro, presentouse este luns nun acto no que o alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou que a edición deste ano bateu todos os récords en canto ao número de películas enviadas desde diferentes partes do mundo, pois recibíronse 2.087 traballos de 107 países, cun incremento notable das chegadas de Estados Unidos e Alemaña.

O director do FICBUEU 2015, Manuel Pena, anunciou que este ano cada sesión abrirase cunha curta galega. As proxeccións terán lugar de luns a venres, en senllos pases idénticos ás 20.00 e ás 22.00 horas, con entrada de balde. O sábado ás 18.00 horas a asociación de realizadores Cera organiza un encontro con directores galegos e internacionais no pub Aturuxo e ás 21.00 horas celebrarase a entrega de premios.

A edición deste ano adiántase un día e xa haberá actividades o domingo 6 de setembro. Segundo informou o concelleiro de Cultura, Carlos Eirea, buscando abrir o festival a máis espazos e ir introducindo actividades alén das proxeccións, o profesor e investigador Salvador Castro manterá unha charla arredor das relacións entre cinema e literatura no Centro Social do Mar ás 12.00 horas.

O festival, que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra, La Caixa, a Fundación Novas e a naviera Nabia, amais doutra ducia de colaboradores locais e do papel do Concello como organizador. Este ano tamén cobra protagonismo a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, repartirá 300 euros en premios coa campaña ‘Bueu ten un comercio de película’.