300 curtas e a estrea dunha serie western rodada na vila disparan o MAC Marín

Marín
20 de agosto 2025
Actualizado: 15 de outubro

O festival marinense quere ser referente no audiovisual galego. Comeza este mércores 20 e ofrecerá actividades ata o 23 de agosto cunha programación que mestura cinema, tecnoloxía e formación para a mocidade

Inauguración de MAC Marín 2025
Inauguración de MAC Marín 2025 / Concello de Marín

Marín quere converterse durante catro días na capital galega do audiovisual contemporáneo. A cuarta edición do MAC MARÍN (Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín) celébrase desde este mércores 20 ao 23 de agosto cunha participación histórica que supera todas as expectativas: máis de 300 curtametraxes, 42 series web e unha programación ambiciosa que aposta polo talento local e as novas tecnoloxías.

O festival, organizado por Marín de Cine – Club Audiovisual preséntase polo director do certame, Dani Antelo, como un proxecto cada vez máis ambicioso: "Hai máis actividades, máis público novo, máis formatos e máis xanelas para que a creatividade galega e internacional se poida ver en Marín".

Entre as principais novidades figura a incorporación do Ciclo Mestre Mateo, que achegará á vila títulos galegos destacados como "As Neves" de Sonia Méndez, "Salvaxe, Salvaxe" de Emilio Fonseca e curtametraxes premiadas como "Eu Vou Comigo" de Chelo Loureiro.

As seccións clásicas —Filmes Atlánticos, Outras Miradas, Cinema Xove e Novos Medios— mantéñense, ampliando o abano de públicos e estilos.

Un dos momentos máis singulares será a estrea de "Por un puñado de pesos", a primeira serie web rodada integramente en Marín. Este western con humor e espírito promocional, dirixido polos cineastas locais Pablo Dopazo e Anna Kulyk, foi ideado para dar visibilidade á vila e podería abrirse paso agora no circuíto internacional da Web Series World Cup, onde o MAC xa participa oficialmente.

O festival aposta decididamente pola formación da mocidade con múltiples actividades que conectan o audiovisual coa educación e as novas tecnoloxías.

A programación inclúe obradoiros de efectos especiais, espectáculos de maxia inspirados no cinema, charlas sobre intelixencia artificial aplicada ao audiovisual e encontros con creadoras de contido dixital como Bea Sotelo. Este enfoque está moi en liña con iniciativas educativas como o módulo de Animación Visual en Vivo nos ciclos formativos galegos.

O punto culminante da edición será a homenaxe á actriz Mabel Rivera, figura clave do audiovisual galego, quen recibirá o Premio de Honra do MAC MARÍN 2025.

A gala de entrega celebrarase o sábado 23 ás 20.00 horas no Museo Manuel Torres e incluirá a proxección do documental "Altri Non", no que Rivera participa como narradora e produtora executiva.

A programación comezou este mércores 20 de agosto no Museo Manuel Torres co acto inaugural, seguido da proxección da Web Series World Cup con Jöel Bassaget e de webseries galegas.

As actividades durante estas xornadas estenderanse por diferentes espazos da vila: Parque Azul de Cantodarea, Casa de Cultura de Santomé, Casa de Cultura de Seixo, Hotel Villa de Marín, Ateneo Santa Cecilia e Finca de Briz.

Está previsto que se celebre un acto de fin de festa na Bailona o sábado ás 23:00 horas coa actuación da banda Groovin Folks.

Dani Antelo
Dani AnteloConcello de Marín

Nesta ligazón está dispoñible toda a programación do MAC Marín