8.774 visitantes puideron comprobar a calidade da obra elaborada polo pintor Manuel Moldes entre 1983 e 1987 na exposición 'Pontevedra Suite', que concluía este domingo no Sexto Edificio do Museo.
Incluíanse obras de gran formato correspondentes a series importantes na carreira deste autor sempre imprevisible. O período escollido ofrecía un período de renovación artística galega a través do Grupo Atlántica, reinterpretando os mitos ancestrais da cultura popular de Galicia, do expresionismo rural e da contorna atlántica oceánica. Para esta mostra, Moldes levara a cabo un mural na cristaleira do Sexto Edificio.
Durante o domingo tamén finalizaba a exposición que recollía 37 obras seleccionadas entre os participantes no certame 'Novos Valores 2017'. A mostra contabilizou 7.137 visitas case duplicando as do ano anterior, cando se realizou na Facultade de Belas Artes e na Escola Superior de Restauración.
Ao longo do próximo cuadrimestre, o Museo programará tres mostras temporais máis. O 5 de outubro está previsto que se inaugure a exposición dedicada a María Vinyals, que fará un percorrido pola súa obra e vida, facendo especial fincapé na súa traxectoria como figura precursora do feminismo. Esta mostra permanecerá no Sexto Edificio ata o 12 de novembro.
Do 10 de outubro ao 12 de novembro exhibiranse as obras das bolsas outorgadas aos catro gañadores do certame Novos Valores 2016. Finalmente, a programación finalizará coa obra do artista pontevedrés Jorge Castillo. Será unha retrospectiva que se inaugurará o 30 de novembro e finalizará o 28 de xaneiro de 2018.