Para resaltar o modelo urbanístico da cidade, o Concello de Pontevedra puxo en marcha unha nova iniciativa centrada no deseño de arte arquitectónica. Esta chámase Proxecto Experimenta, e que ten como obxectivo a utilización das rúas e prazas como espazo de reflexión así como a creación dunha comunidade ao redor da produción de arquitectura e arte.
A iniciativa foi presentada pola concelleira Anabel Gulías, José Carlos Mera e José Santos de Mera e Santos Arquitectos, e Javier Pena Ibáñez de Concéntrico Logroño. A través de Experimenta realizarase a instalación efémera de estruturas de deseño en diferentes prazas da cidade, que terán como principal característica a posibilidade de interacción por parte dos cidadáns.
Haberá un total de catro intervencións, unha suxeita a concurso e outras tres por invitación, unha delas para un equipo internacional probablemente de Portugal, segundo comentaba Pena Ibáñez. Ademais das mostras tamén se realizarán conferencias que acompañarán a cada un dos proxectos.
As exposicións terán lugar na Praza de Ourense, Praza de Santa María, Praza do Mercado e na praza nova do hospital, entre os días 21 e 24 de xuño.
Toda a información está dispoñible na páxina web de Proxecto Experimenta, desde onde tamén se poden descargar as bases do concurso.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.